O Casco Vello de Vigo adquire por primeira vez catro inmobles na rúa Alta do barrio histórico

A presidenta do CCVV e delegada territorial da Xunta, Marta Fernández-Tapias, informa da compra conxunta por valor de 275.000 euros dos números 8, 10, 12 e 14

Esta adquisición é a terceira operación de compra realizada polo Casco Vello de Vigo en 2021, que xa adquiriu os inmobles de San Sebastián 8 e Berbés 29-San Francisco 2

Recorda que o Goberno galego investiu máis de 29 millóns de euros en actuacións de rehabilitación neste ámbito, permitindo ata o de agora a adquisición de 83 edificios e a posta no mercado de 117 vivendas de protección autonómica (VPA)

Vigo, 28 de decembro de 2021

A presidenta do Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV) e delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, informou hoxe da adquisición por parte do organismo rehabilitador de catro novos inmobles que serán rehabilitados ao longo do vindeiro ano por un importe conxunto de 275.000 euros. Concretamente os números 8, 10, 12 e 14 da rúa Alta do barrio histórico.

Segundo informou, tras a celebración do comité executivo reunido hoxe con carácter extraordinario, esta operación permitirá ao ente público intervir sobre unha superficie edificable de preto de 700 metros cadrados. Esta é a primeira intervención que acometerá o CCVV nesta rúa, situada preto da Porta do Sol, no centro neurálxico da cidade de Vigo.

En canto ao número de vivendas e locais, estarán condicionados ás solucións urbanísticas e arquitectónicas dos futuros proxectos. Non obstante, atendendo ao contido do PEPRI Casco Vello vixente se permitirían edificios de ata catro alturas contando coa planta baixa e seguindo a aliñación coas construcións xa consolidadas na zona.

Ao fío desta decisión, a presidenta do CCVV, organismo participado nun 90% pola Xunta de Galicia e nun 10% polo Concello, fixo balance dun ano que remata con tres operacións de compra xunto a San Sebastián 8 (800.000 euros) e Berbés 29-San Francisco 2 (por un importe conxunto de 152.000 euros).

Por outra banda, indicou que ao longo deste 2021 se adxudicaron mediante sorteo un total de nove vivendas procedentes das intervencións do Consorcio Casco Vello de Vigo nos edificios situados en Berbés 41 (2 vivendas), Abeleira Menéndez 16 (1), San Francisco 15 (2) e Berbés 29-San Francisco 2 (4).

A presidenta do CCVV defendeu así a necesidade de darlle continuidade ao valioso traballo de recuperación edificatoria e patrimonial que está a realizar o Consorcio do Casco VellO, facilitando o acceso a unha vivenda a decenas de familias e a revitalización da zona histórica.

Neste sentido, indicou que esta última operación reafirma o compromiso adquirido polo CCVV de intensificar o seu ritmo de intervención, condicionado á falta de ferramentas urbanísticas para adquirir un importante volume de inmobles. Así, volveu a reclamar ao Concello que habilite os mecanismos expropiatorios aos que se comprometeu no 2017.

“Pola nosa parte, seguimos apostando por cumprir cos obxectivos marcados xa que, aínda que se avanzou moito na reconstrución do casco vello, queda moito por facer”, dixo, en clara referencia ao ambicioso plan de actuación dos vindeiros catro anos que contempla a compra de 25 novas edificacións.

Cun conxunto edificable de máis de 7.000 metros cadrados, a representante autonómica indicou que suporá a posta no mercado de 45 vivendas de promoción pública ata o 2025, o que implicará a mobilización de 14,5 millóns de euros ao longo deste cuadrienio.
Desde o ano 2005 o Goberno galego investiu máis de 29 millóns de euros en actuacións de rehabilitación neste ámbito permitindo a adquisición de 83 edificios e a posta no mercado de 117 vivendas de protección autonómica (VPA).