A Xunta ingresa antes de que remate o ano o complemento extraordinario a preto de 36.000 perceptores das pensións non contributivas
O Goberno galego investiu preto de 7 millóns e medio de euros nesta axuda, que beneficia a un colectivo que o necesita moi especialmente.
Está destinada aos pensionistas de xubilación e invalidez na súa modalidade non contributiva, a persoas anciás e enfermas perceptoras do fondo de asistencia social e ás persoas con discapacidade que perciben o subsidio de garantía de ingresos mínimos
Galicia foi das poucas comunidades que mantivo de xeito ininterrompido durante os últimos anos este complemento, que non é obrigatorio
Santiago de Compostela, 28 de decembro de 2021.- A Xunta de Galicia ingresou xa o complemento extraordinario para os preto de 36.000 perceptores de pensións non contributivas da nosa Comunidade. Adiantou esta axuda destinada aos pensionistas de xubilación e invalidez na súa modalidade non contributiva, a persoas anciáns e enfermas perceptoras do fondo de asistencia social e ás persoas con discapacidade que perciben o subsidio de garantía de ingresos mínimos.
O Goberno galego investiu preto de 7 millóns e medio nesta achega, que beneficia a un colectivo que o necesita moi especialmente. O ingreso realizouse por oficio o a todos os beneficiarios que reúnan os requisitos e ascende a 206 euros por persoa.
Galicia foi das poucas comunidades que mantivo de xeito ininterrompido durante os últimos anos este complemento, que non é obrigatorio, senón que son as propias comunidades autónomas as que deciden o seu mantemento.
Adianto na Risga
Así mesmo, a Administración autonómica tamén adiantou o ingreso da Renda de Inclusión Social de Galicia (Risga) para antes do Nadal para que todas as persoas que precisen puidesen contar coa axuda antes destas datas tan sinaladas.