A Xunta colabora coa asociación de veciños 8 de decembro de Soutomaior na reforma da súa sede na Casa do Pobo do Val-Sobral

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, visitou hoxe coa delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, as melloras levadas a cabo no revestimento e na pintura das fachadas, no pintado do pavimento e no acondicionamento da rampla de acceso

A Xunta financiou estas actuacións ao abeiro da convocatoria deste ano da orde de axudas a asociacións de veciños e de mulleres rurais e a comunidades de usuarios de augas dentro do Plan específico de acción comunitaria

Natalia Prieto lembrou o orzamento destas subvencións para 2022 incrementarase nun 20% ata os 3M€

Na convocatoria deste exercicio o Goberno galego destinou 2,5 millóns de euros a 173 entidades veciñais, dos que 600.000 euros chegaron a 43 asociacións da área de Vigo
 

Soutomaior (Pontevedra), 28 de decembro de 2021

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, acompañada da delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, visitou esta mañá as actuacións levadas a cabo na Casa do Pobo do Val-Sobral, sede da Asociación de Veciños 8 de Decembro de Soutomaior, nas que a Xunta colaborou cunha achega de case 12.000 euros da orde de axudas deste ano para estas organizacións.
As melloras incluíron o revestimento da fachada lateral, a reparación e pintado antideslizante do pavimento e a colocación dunha rampla coa que garantir a accesibilidade a todos os usuarios.
A Asociación de Veciños 8 de Decembro de Soutomaior foi unha das 43 entidades veciñais da área de Vigo ás que a Xunta destinou 600.000 euros neste ano para apoialas nas reformas nos seus locais sociais e na dotación do equipamento necesario para o seu funcionamento.
No conxunto de Galicia, estas subvencións dirixidas a asociacións de veciños e de mulleres rurais e comunidades de usuarios de augas acadaron un investimento de 2,5 millóns de euros cos que se financiaron os proxectos de 173 organizacións axudándolles a manter as súas actividades.
Na visita, Natalia Prieto destacou que o orzamento previsto para esta orde no próximo ano incrementarase nun 20% ata acadar os 3 millóns de euros, tendo en conta o elevado número de solicitudes que se reciben en cada convocatoria.
Como destacou a directora xeral de Administración Local, a Xunta contribúe con estas axudas á mellora da calidade de vida local e á dinamización do movemento veciñal ao impulsar as actividades das asociacións veciñais, que son o ámbito máis próximo e que redunda de xeito máis directo no benestar da cidadanía.
Outros investimentos en Soutomaior
Ademais dos apoios ás entidades veciñais, a Xunta leva investidos no concello de Soutomaior máis de 496.700 euros noutras melloras ambientais e de infraestruturas destinadas á prestación de servizos municipais.
Por unha parte, na adquisición de vehículos para a prevención de situacións de risco como os incendios forestais, actuacións de eficiencia enerxética e de protección do ambiente e dos espazos naturais, así como melloras no saneamento, a través do Fondo de Compensación Ambiental, no que a Xunta investiu este ano 11 millóns de euros nos concellos galegos.
Ademais, no marco da Orde de Infraestruturas de uso público, que este exercicio contou cun orzamento de 4 millóns de euros, realizáronse nos últimos anos en Soutomaior rehabilitacións de parques infantís, a pavimentación de camiños ou melloras en instalacións deportivas e dependencias municipais.
 

Imaxes relacionadas