A Xunta apoia ao sector do taxi cunha nova convocatoria de incentivos por importe de 500.000 € para a compra de vehículos adaptados e de baixas emisións, o que eleva as axudas a máis de 4 m€

Destinaranse 300.000 € á compra de taxis adaptados, 140.000 € para vehículos de baixas emisións e 60.000 € para taxis de emisións cero

Os incentivos serán de 10.000 € no caso dos eurotaxis, de 6.000 € para a compra de vehículos de cero emisións e de 4.000 € para taxis de baixas emisións, sendo as axudas compatibles entre si

Ethel Vázquez subliña, como novidades, que tamén serán subvencionables os vehículos adquiridos a través dun contrato de arrendamento ou ‘leasing’, ademais de ampliarse os métodos admitidos para xustificar o pagamento

Lembra que desde 2016 a Xunta leva concedidas axudas por 3,6 M€ que facilitaron a compra de preto de 230 taxis adaptados, 316 de baixas emisións e 15 de emisións cero, ás que se engaden os 500.000 € desta convocatoria, sumando máis de 4 M€ en incentivos

Recoñece e agradece o labor dos profesionais do taxi, que en Galicia emprega a 3.600 familias e que, pese ás dificultades da pandemia, fai un esforzo de adaptación continuo
 

A Coruña, 28 de decembro de 2021

A Xunta apoia ao sector do taxi cunha nova convocatoria de incentivos por importe de 500.000 euros para a adquisición de vehículos adaptados, de emisións cero ou de baixas emisións, o que eleva as axudas concedidas polo Goberno galego a este colectivo a máis de 4 M€ desde o ano 2016.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, xunto co director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, informou desta nova convocatoria de incentivos que hoxe publica o Diario Oficial de Galicia no encontro que mantivo esta mañá co presidente da Federación de Autónomos do Taxi de Galicia (Fegataxi), Manuel Quindimil, e cos membros da xunta directiva.

Segundo remarcou Vázquez Mourelle, o obxectivo da Xunta é reforzar a aposta do sector do taxi pola inclusión social, financiando a adquisición de vehículos adaptados para cubrir a demanda de desprazamentos das persoas con diferentes necesidades de mobilidade e sumar aos profesionais do taxi tamén ao compromiso activo na loita contra o cambio climático, dotándoos de vehículos menos contaminantes e máis respectuosos co medio.

A titular de Infraestruturas explicou que a liña para a compra de taxis adaptados, os chamados eurotaxis, está dotada con 300.000 euros; á adquisición de taxis de baixas emisións resérvase unha partida de 140.000 euros; e os 60.000 euros ata completar o importe desta convocatoria irá destinada a financiar taxis de cero emisións.

As axudas, que son compatibles entre si, ascenden a 10.000 euros para o caso da compra de eurotaxis; a 6.000 euros para vehículos de emisións cero; e a 4.000 euros para a compra de taxis de baixas emisións.

Ethel Vázquez destacou que con esta nova orde de incentivos a Xunta quere axudar, recoñecer e agradecer o labor dos profesionais do taxi, un sector que en Galicia dá emprego a máis de 3.600 familias e que, pese ás dificultades derivadas da pandemia, fai un esforzo de adaptación continuo.

O Goberno galego continúa así a liña de apoio ininterrompida que vén prestando desde o ano 2016, cando convocou por vez primeira axudas para a adquisición de taxis adaptados, ampliándoa no ano 2020 tamén aos vehículos de baixas emisións ou de emisións cero.

A conselleira subliñou que desde 2016 a Xunta leva concedidos incentivos a este colectivo por 3,6 millóns de euros que facilitaron a compra de preto de 230 vehículos adaptados; de 316 taxis de baixas emisións; e de 15 vehículos de emisións cero. A nova convocatoria que hoxe publica o Diario Oficial de Galicia, por importe de 500.000 euros, eleva ata máis de 4 millóns de euros os incentivos concedidos pola Xunta a estes profesionais.

Os novos incentivos da Xunta subvencionarán os vehículos adquiridos entre o 1 de outubro de 2021 e a data establecida para xustificar a axuda, ata o 31 de outubro de 2022.

Ethel Vázquez remarcou, como novidades, que serán subvencionables tamén os vehículos adquiridos a través dun contrato de arrendamento financeiro ou ‘leasing’, ademais de ampliarse os medios admitidos para xustificar o pagamento (aceptándose métodos electrónicos, transferencias, cheque bancario nominativo ou tarxeta) para ofrecer aínda máis facilidades aos profesionais do taxi.

A titular de Infraestruturas referiuse á aposta do sector por modernizarse e adaptarse aos novos tempos, a pesar do forte impacto sufrido polas restricións da covid-19, e recoñeceu o seu traballo a prol dunha mobilidade segura no taxi, cumprindo estritamente as medias de prevención establecidas e ofrecendo confianza aos usuarios. Lembrou, neste sentido, as campañas informativas para fomentar a mobilidade segura no taxi desenvolvidas pola Xunta, xunto coas axudas concedidas para instalación de elementos protección fronte á covid.


 

Imaxes relacionadas