A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, asinou hoxe a renovación deste “plan social de transporte”, que só neste ano 2021, a pesar da pandemia, terá subvencionado preto de 2 millóns de viaxes

A Xunta e 12 concellos acordan investir case 2,7 M€ para manter activo dous anos máis o Plan de Transporte da área de Vigo tras bonificar máis de 17 millóns de viaxes

Vázquez Mourelle destaca o éxito da colaboración iniciada hai case 7 anos, a pesar de que a negativa do Concello de Vigo a participar impide que os aforros de 600 euros ao ano que desfrutan os usuarios se amplíen ata 1.000 euros

Salienta que hai case 80.000 veciños da área con tarxeta de Transporte que se benefician de descontos nos billetes e máis de 21.000 menores de 21 anos que viaxan de balde nos autobuses da Xunta e no transporte de ría coa tarxeta Xente Nova

Sinala que o Goberno galego seguirá asumindo case o 90% do investimento, 2,4M€, para financiar o 80% dos descontos e o 100% dos transbordos e das bonificacións para familias numerosas, achegando os concellos 238.000 euros en total

Subliña o traballo da Xunta na procura do máximo proveito da chegada do AVE a Ourense, pese a non ter información “certeira nin satisfactoria” do Goberno de España sobre o horizonte previsto para a súa chegada a Vigo

Lembra que se está a ultimar a construción da estación de autobuses intermodal de Vigo para poñela en servizo no primeiro trimestre de 2022 e sinala a reformulación dos horarios dos buses da Xunta na procura da maior coordinación co AVE Ourense-Madrid

Vigo, 27 de decembro de 2021

A Xunta e 12 concellos acordaron hoxe investir case 2,7 millóns de euros para manter activo durante dous anos máis o Plan de Transporte da área de Vigo, tras bonificar máis de 17 millóns de viaxes no autobús interurbano e no transporte de ría.
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, xunto coa delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, e o director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, asinou hoxe un novo acordo cos mesmos concellos cos que hai 7 anos o Goberno galego puxo en marcha esta aposta conxunta polo transporte público.

Vázquez Mourelle referiuse ao Plan de transporte da área de Vigo como un “plan social” que, mediante un sistema de integración tarifaria, permite ofrecerlles aos usuarios descontos nos prezos dos billetes, transbordos gratuítos e rebaixas adicionais para usuarios recorrentes e para familias numerosas. E lembrou que na área de Vigo, este plan de transporte ten o atractivo adicional de funcionar, ademais de nos autobuses, no transporte de ría con Cangas e Moaña.

Ethel Vázquez lembrou que ese sistema, que xa funcionaba na Coruña, Lugo, Santiago e Ferrol, foi tamén un éxito nesta área a pesar de que, a diferenza do resto de cidades, o Concello de Vigo rexeitou participar e, por iso, aquí “o transporte metropolitano está incompleto”. Deste xeito, sinalou, os cidadáns de Vigo acadan na actualidade aforros duns 600 € no transporte público, aínda que poderían conseguir aforros de ata 1.000 euros ao ano de integrarse o Concello de Vigo.

A titular de Infraestruturas e Mobilidade salientou os datos que acreditan o éxito do Plan, que permitiu bonificar xa preto de 17,5 millóns de viaxes en autobús e en barco, e cuxas vantaxes desfrutan os preto de 80.000 veciños da área que contan coa tarxeta de Transporte. Só neste ano 2021, estímase que serán preto de 2 millóns as viaxes bonificadas, pese o impacto da pandemia nas cifras de usuarios do transporte público.

Coa renovación deste acordo, a Xunta e os concellos de Baiona, Cangas, Fornelos de Montes, Moaña, Mos, Nigrán, Pazos de Borbén, O Porriño, Redondela, Salceda de Caselas, Salvaterra do Miño e Soutomaior comprométense a destinar conxuntamente case 2,7 M€ para abaratar o transporte público e, con iso, sinalou a conselleira, “facilitar o acceso á sanidade, á educación e ás oportunidades a moitos miles de cidadáns”.

Ethel Vázquez remarcou que co novo convenio, o Goberno galego volverá asumir o maior peso económico, técnico e de xestión do plan de transporte, achegando case o 90% do investimento, 2,4 M€, que servirán para financiar o 80% dos descontos e o 100% dos transbordos e das bonificacións por recorrencia e para familias numerosas.

Lembrou, ademais, que a Xunta ofrece transporte público gratuíto aos menores de 21 anos a través da tarxeta Xente Nova, que pode empregarse non só no transporte da área de Vigo, senón tamén nos autobuses interurbanos que chegan a toda Galicia. Así, a conselleira cifrou en máis de 21.000 mozos desta área os que xa viaxan de balde nos autobuses da Xunta e no transporte de ría coa tarxeta Xente Nova, dos que máis de 10.000 son da cidade de Vigo.

Puxo en valor, tamén, o esforzo e a implicación dos 12 concellos asinantes con esta aposta polo transporte público, á que van achegar de forma conxunta 238.000 euros para complementar os 2,4 M€ que achegará a Xunta.

A titular de Infraestruturas e Mobilidade incidiu na importancia desta medida fundamental na estratexia impulsada polo Goberno galego para consolidar unha mobilidade máis limpa e sostible, que se aprecia, tamén, na recente renovación integral das 3.300 liñas de transporte interurbano de Galicia.

Ademais, subliñou o traballo que está a facer a Xunta para obter o máximo proveito da chegada do AVE a Ourense, “a falta de información e certeira” do Goberno sobre as previsións da chegada da alta velocidade a Vigo. Salientou que o obxectivo da Xunta é achegar a todos os cidadáns a eses trens rápidos e por iso ultima a construción da estación de autobuses intermodal, que agarda poñer en servizo no primeiro trimestre de 2022.

Tamén se referiu á reformulación por parte da Xunta dos horarios dos autobuses na procura da maior coordinación cos horarios do AVE e achegando aos vigueses aos trens de alta velocidade mentres o Goberno non completa o traballo e os estende ata Vigo.
 

Imaxes relacionadas