A modificación do PXOM de Tui na zona de San Bartolomeu finaliza o trámite ambiental

A Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático acaba de emitir o informe ambiental estratéxico sobre a nova ordenación proposta polo Concello, no que conclúe que resulta ambientalmente máis favorable que a actual

O obxectivo é reordenar esta bolsa de solo localizada ao norte da vila para permitir o seu desenvolvemento urbanístico e á vez protexer os espazos lindeiros co Camiño

Santiago de Compostela, 26 de decembro de 2021.- A Xunta de Galicia acaba de finalizar o trámite ambiental da modificación puntual do PXOM de Tui para promover a reforma urbanística da zona de San Bartolomeu, o que permitirá que a reordenación proposta poida seguir a tramitarse de cara á súa aprobación definitiva.

Así, o informe ambiental estratéxico emitido pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático conclúe que a proposta de ordenación formulada polo Concello resulta ambientalmente máis favorable que a que contempla nestes momentos o Plan xeral, polo que acorda non sometela ao procedemento ordinario de avaliación ambiental.

A contorna do barrio de San Bartolomeu constitúe no PXOM unha importante bolsa de solo urbano —29 hectáreas— localizada ao norte da vila. O obxectivo da modificación é reordenar este solo para solucionar diferentes problemas que impiden o seu desenvolvemento urbanístico e protexer os espazos lindeiros co Camiño de Santiago Portugués. De feito, a nova ordenación proposta reduce a capacidade edificatoria e opta por unha tipoloxía de vivenda máis acorde coa realidade territorial e ambiental da zona.

En todo caso, o informe da Dirección Xeral establece unha serie de determinacións en atención ao manifestado por outros organismos no procedemento ambiental. Entre outras cuestións, deberá elaborarse un estudo da paisaxe proporcionado á entidade e ao alcance da modificación urbanística proposta e revisarase a delimitación do solo de núcleo rural atendendo ao recollido nas Directrices da Paisaxe.

Así mesmo, o Concello de Tui terá que atender as observacións e suxestións da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, como xustificar que as parcelas clasificadas como solo urbano consolidado reúnen as condicións establecidas na lexislación, así como as medidas protectoras e correctoras expostas pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural con relación, entre outros, ao Camiño de Santiago e aos xacementos arqueolóxicos existentes.

Con esta resolución, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda pon fin á tramitación ambiental da modificación puntual do PXOM de Tui, unha decisión que sairá publicada proximamente no DOG e tamén se lle trasladará ao Concello, como promotor.
 

Imaxes relacionadas