A Xunta apoia con 1,1 millóns de euros os plans de formación e o desenvolvemento de actividades dos sindicatos galegos

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica mañá a convocatoria de axudas anuais ás centrais sindicais con representación en Galicia coas que a Xunta apoia o seu funcionamento, a creación de gabinetes técnicos e a cualificación de cadros e delegados sindicais

O Goberno galego mantén unha continúa colaboración con estas organizacións para seguir impulsando o diálogo social, a formación e a mellora do mercado laboral

O prazo de solicitude ábrese este martes e rematará o próximo 28 de xaneiro

Santiago de Compostela, 26 de decembro de 2021

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica mañá a convocatoria de axudas para 2022 da Xunta dirixida a apoiar o funcionamento e plans de formación das organizacións sindicais con representación en Galicia. A Administración autonómica destina preto de 1,1 millóns de euros, unha cantidade similar á deste ano, para apoiar, en concreto, as actividades ordinarias e habituais que impliquen o normal desenvolvemento dos sindicatos, a creación e/ou funcionamento dos seus gabinetes técnicos e os plans de formación de cadros e delegadas e delegados sindicais.
Trátase dunha convocatoria anual da que se concederon o pasado ano axudas á totalidade das solicitudes recibidas, que foron 21. O prazo de solicitude para as entidades interesadas ábrese este martes 28 de decembro e rematará o próximo 28 de xaneiro.
O Goberno galego quere recoñecer o importante labor destas organizacións, polo que mantén unha continúa colaboración con elas desde o punto de vista do diálogo, o impulso á formación e a mellora do mercado laboral.

Imaxes relacionadas