O Diario Oficial de Galicia publicou este venres a convocatoria, en febreiro e en abril, dos propietarios dos predios necesarios para impulsar estas dúas actuacións

A Xunta investirá máis de 1,65 M€ na execución dunha senda e da mellora de seguridade viaria na estrada po-308, entre Fontenla e Combarro, en Poio

A Consellería de Infraestruturas licitará nas vindeiras semanas as obras de construción deste novo itinerario e de eliminación dun treito de concentración de accidentes nese tramo da vía autonómica

A senda prolongarase ao longo dun treito de preto de 1,7 km, pola marxe esquerda da vía, entre os puntos quilométricos 3+500 a 5+150, e inclúe un pequeno treito na marxe dereita, entre a glorieta da VG-4.8 e o acceso ao IES de Poio

Reforzarase a seguridade viaria en Fontenla mellorando as interseccións e reducindo os xiros á esquerda entre os puntos quilométricos 4+700 e 5+600

A Xunta leva mobilizados 15,65 M€ nos últimos 5 anos na transformación da estrada PO-308, que se completarán a curto prazo con 2,14 M€ máis nas sendas e melloras da seguridade na contorna de Combarro
 

Santiago de Compostela, 25 decembro de 2021

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade investirá máis de 1,65 millóns de euros na execución para a mellora da seguridade viaria e a execución dunha nova senda na estrada PO-308, entre Fontenla e Combarro, no concello de Poio.

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou este venres, día 24, a convocatoria, para febreiro e abril, dos propietarios dos predios necesarios para executar as obras, que serán licitadas nas vindeiras semanas. Os traballos, que se desenvolverán de xeito coordinado, contan en ambas as dúas actuacións cun prazo de execución de dezaoito meses.

Segundo recolle o DOG, o acto expropiatorio para a execución da nova senda na PO-308, fíxase para os días 8 e 9 de febreiro, entre as 9:30 e as 13:40 horas, no salón de plenos do Concello de Poio. Posteriormente, convócase os titulares dos terreos á formalización das actas de ocupación, logo do aboamento dos depósitos previos, os días 19 e 20 de abril, no mesmo horario e lugar.

En canto o acto expropiatorio de levantamento de actas previas para a execución das obras de mellora da seguridade viaria da PO-308, en Fontenla, os titulares dos terreos están convocados para os días 10 e 11 de febreiro, entre as 10:00 e as 12:20 horas, no salón de plenos do Concello de Poio. Posteriormente, convócase os titulares dos terreos á formalización das actas de ocupación, logo do aboamento dos depósitos previos, os días 21 e 22 de abril, no mesmo horario e lugar.

Os actos expropiatorios realizarase seguindo o estrito protocolo de medidas preventivas para evitar riscos de contaxio por mor da covid-19. O local debe dispoñer dunha superficie suficiente para garantir a separación mínima e estará dotado con carteis informativos e xeles hidroalcohólicos. Os titulares deben asistir con máscara, ir só as persoas estritamente necesarias e non acudir no caso de presentar febre ou síntomas respiratorios.

Nova senda de 1,7 km de lonxitude


A execución da senda na PO-308 en Poio desenvolverase pola marxe esquerda, entre os puntos quilométricos 3+500 a 5+150 e inclúe un pequeno treito na marxe dereita, entre o punto 3+500 e a intersección situada no 3+620 é dicir, entre a glorieta da VG-4.8 e o acceso ao IES de Poio.

O orzamento desta intervención rolda os 975.000 euros, incluído o pagamento dos 49 predios necesarios para levar a cabo este novo itinerario.

A senda, que descorrerá sensiblemente en paralelo á estrada autonómica, acadará os preto de 1,7 quilómetros de lonxitude, terá un ancho mínimo variable de 2,2 metros, separada da calzada por un bordo de formigón, e irá elevada sobre esta 10 centímetros.

Construirase unha pasarela en voo no punto quilométrico 4+260 sobre o rego da Cancela e adaptarase a rede existente de drenaxe, abastecemento, electricidade e iluminación. Tamén se disporá a instalación de mobiliario urbano e distribuiranse zonas axardinadas con rega programada.

Entre as actuacións tamén destaca a execución do novo itinerario na vía municipal de baixada á Seca, desde a intersección do punto quilométrico 4+350 e o novo paso de peóns, no quilómetro 4+420.

Mellora da seguridade viaria


O deseño desta nova senda é complementario e desenvólvese de forma coordinada co proxecto de mellora da seguridade viaria na contorna do tramo de concentración de accidentes (TCA) na estrada PO-308, en Fontenla.

Esta actuación do departamento de Infraestruturas da Xunta inclúe a mellora das interseccións no treito da PO-308 entre Fontenla e Combarro e a redución do número de xiros á esquerda entre os puntos quilométricos 4+700 e 5+600, para acadar unha diminución da velocidade nesas zonas.

Cabe destacar, ademais, a actuación na intersección do punto quilométrico 3+620, na marxe dereita, onde se executarán cuñas de desaceleración e aceleración; ou no punto quilométrico 3+770, tamén na marxe dereita, onde se actuará para gañar espazo para os xiros e que estes sexan máis seguros e menos bruscos.

Na intersección no punto 3+770, na marxe esquerda, disporase un sentido único e construirase unha pequena cuña de desaceleración; e na intersección entre os puntos 3+930 e 5+010 executaranse dúas glorietas.

O orzamento estimado nesta intervención supera os 676.000 euros, nos cales se inclúe o aboamento dos 30 predios necesarios para executar as obras.

A finalidade da Xunta é acadar o calmado do tráfico mediante a construción de glorietas e a prohibición de xiros á esquerda, minimizando as afeccións e conseguindo unha importante mellora da seguridade viaria.

En conxunto, o departamento que dirixe Ethel Vázquez leva mobilizados 15,65 M€ nos últimos 5 anos na transformación da estrada PO-308.

Estas actuacións completaranse a curto prazo con outros 2,14 M€ nas sendas e melloras de seguridade viaria na contorna de Combarro e Fontela, e de Chancelas ata Samieira.