O Diario Oficial de Galicia publicou tamén este venres a aprobación da información pública desta actuación, que suporá un investimento autonómico de case 1,15 M€

A Xunta aproba o proxecto de construción da nova glorieta no cruce da Barquiña e do acondicionamento da travesía da estrada AC-550, en Noia

Construirase unha nova rotonda con 13 metros de radio na intersección desta vía autonómica coa estrada provincial DP-5704, de acceso ao porto da Barquiña

Renovaranse as beirarrúas desde a nova glorieta ata a alameda de Noia, deixando a vía cun carril por sentido e dotándoa dun itinerario peonil accesible nunha das marxes, con aparcadoiro na marxe dereita

No primeiro semestre de 2022 convocarase o levantamento das actas previas das expropiacións e licitaranse as obras, para comezalas no segundo semestre do ano
? A Xunta continúa traballando no mantemento e mellora da rede viaria autonómica co fin de reforzar a seguridade e a comodidade dos usuarios
 

Santiago de Compostela, 25 de decembro de 2021

O A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade aprobou o proxecto construtivo da nova glorieta no cruce da Barquiña e do acondicionamento da travesía da estrada autonómica AC-550, no concello de Noia, como así recolle o Diario Oficial de Galicia (DOG) deste venres, 24 de decembro.

Estas dúas actuacións de mellora da seguridade viaria na contorna desta vía autonómica suporán un investimento da Xunta de 1,15 M€, no que se inclúe tamén o pagamento dos predios necesarios para levar a cabo as actuacións.

O DOG deste venres tamén recolle a aprobación do expediente de información pública do proxecto.

O pasado xoves, día 23, o Consello da Xunta autorizou o decreto de declaración de utilidade pública para as expropiacións dos 2 predios precisos para impulsar as obras.

A previsión do departamento de Infraestruturas da Xunta é convocar o levantamento das actas previas das expropiacións e licitar as obras no primeiro semestre de 2022, co obxectivo de poder iniciar os traballos no segundo semestre do ano. O prazo de execución é de 10 meses.

A intervención nesta travesía comprende, dunha banda, a execución dunha nova glorieta para substituír a intersección en cruz existente no punto quilométrico 71+120 na AC-550, o cruce coa estrada provincial DP-5704 ao porto da Barquiña. O trazado da glorieta foi definido tendo en conta o espazo dispoñible na contorna, con escaso espazo dispoñible debido á presenza de numerosas vivendas. Contará cun radio exterior de 13 metros, unha illa interior de 2 metros, unha calzada de carril único de 6 metros e beiravías interior e exterior.

Doutra banda, as obras inclúen a renovación das beirarrúas desde a nova glorieta ata a alameda de Noia, entre os puntos quilométricos 71+100 e 72+400 da AC-550. Isto suporá a reorganización da sección transversal da estrada, na que a día de hoxe hai aparcadoiro insuficiente en ambas as marxes, o que provoca que os vehículos se suban á beirarrúa e a deterioren.
Levarase a cabo a renovación da capa de rodadura da estrada e a redistribución de anchuras da sección transversal, dotándoa dun itinerario peonil accesible nunha das marxes do treito considerado. Realizarase tamén o acondicionamento dos ramais de acceso á nova glorieta.
Deste xeito, coa reorganización proxectada da sección da vía estreitaranse carrís, ampliaranse beirarrúas e deixarase un aparcadoiro ben dimensionado nunha das marxes da estrada. En concreto, a sección tipo resultante consta dunha calzada formada por dous carrís -un por sentido- de 3 metros, aparcadoiro de 2 metros na marxe dereita, beiravía e beirarrúa de ancho variable.
A Xunta continúa traballando no mantemento e mellora da rede viaria autonómica co fin de reforzar a seguridade e a comodidade dos usuarios.