A Xunta construirá en Muíños un novo centro de saúde que duplicará a superficie do actual

O delegado territorial explicou que este centro de saúde aparece recollido na Fase 1 do Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria aprobado pola Xunta de Galicia o pasado outubro

Gabriel Alén subliñou que dende o ano 2009, a Xunta de Galicia construíu ou reformou un total de 92 centros de saúde, o que supuxo actuar sobre mais de 75.000 metros cadrados

Ourense, 23 de decembro de 2021

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, acompañado da directora de RREE da Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras, Cristina Enjamio, e do alcalde de Muíños, Plácido Álvarez, visitaron, acompañados de persoal técnico do Sergas, a parcela proposta polo concello para a construción do novo centro de saúde no concello.
Este centro de saúde aparece recollido na Fase 1 do Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria aprobado pola Xunta de Galicia o pasado outubro. O goberno galego, logo dun estudo do estado das infraestruturas de atención primaria en toda Galicia, decidiu priorizar a construción dun novo centro de saúde en Muíños tendo en conta que o actual centro de saúde, de 36 anos de antigüidade, comparte espazos con vivendas municipais, e ten deficiencias estruturais que dificultan unha atención de calidade.
Para substituílo, o documento estratéxico propón un novo centro cun plan funcional que contempla unha consulta de medicina, unha consulta de enfermería e unha sala polivalente, da que carece o actual inmoble, ademais doutras estancias como sala de xuntas ou almacén. En consecuencia, o plan prevé que o novo centro, con case 340 m2 duplique en superficie ao actual, que apenas chega aos 170.
Logo da aprobación do Plan de Infraestruturas de Atención Primaria, o conselleiro de sanidade remitiulle, o 4 de novembro, cartas a todos os alcaldes e alcaldesas dos 28 concellos nos que se contempla a construción de novos centros de saúde dentro das fases 1 e 2 do Plan. Seguindo o procedemento habitual na posta en marcha destas infraestruturas, a Xunta solicitaba a pronta achega, por parte dos concellos, de parcelas viables para axilizar o proceso administrativo de licitación de proxecto e obra e de posta en funcionamento dos novos centros.
Para facilitar a localización das parcelas, o conselleiro indicou a cada concello os requisitos para as dimensións do centro proxectado, que no caso de Muíños concretábanse na necesidade da cesión dunha parcela cunha edificabilidade de 339 m2
Unha vez respondida esa solicitude por parte do Concello coa oferta dunha parcela, na que é unha das primeiras propostas concretas recibidas pola Xunta por parte dos 28 concellos contactados, a consellería de Sanidade deu inmediata resposta organizando esta visita técnica aos terreos para poder avaliar así a súa idoneidade e, no caso de confirmala, comezar os trámites para asinar un convenio de cesión da parcela por parte do concello e de inicio da licitación por parte da Xunta do proxecto construtivo.