A Xunta fixa a nova tempada de pesca da anguía na desembocadura do río Tambre entre o 1 de maio e o 30 de setembro de 2022

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda publica mañá no DOG a resolución pola que se renova o plan de aproveitamento específico desta especie

O tamaño mínimo das anguías terá que ser de 20 centímetros, só se poderán pescar con nasa-voitirón e a cota de capturas para toda a tempada fixarase en 1.000 quilos

Santiago de Compostela, 23 de decembro de 2021

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda publicará mañá no DOG a resolución pola que se regula a pesca da anguía na desembocadura do río Tambre durante a vindeira tempada, que se estenderá desde o 1 de maio ata o 30 de setembro de 2022.

Deste xeito, queda aprobada a renovación do plan de aproveitamento específico da especie para o ano que vén e se manteñen os principais requisitos que rexeron nesta zona durante a campaña anterior.

Así, o tamaño mínimo das capturas queda fixado en 20 centímetros, coa obriga por parte dos pescadores de devolver ao río aqueles exemplares que non dean a talla, así como as anguías prateadas e outras especies que poidan entrar nas nasas. O total admisible de capturas para toda a tempada será de 1000 quilos, polo que unha vez alcanzada esta cantidade, darase por pechado o período de capturas.

Ademais, para poder practicar a pesca da anguía na desembocadura do Tambre a única arte permitida será a nasa-voitirón, cun tamaño de malla non inferior a 14 milímetros e un límite de 10 artes por tripulante. As nasas deberán ser levantadas e revisadas diariamente e o horario autorizado para a actividade estenderase desde as 12,00 horas do luns ata as 12,00 horas do sábado, cun máximo de oito horas diarias de traballo.

Cómpre lembrar que a pesca da anguía é unha actividade profesional tradicional que se desenvolve nalgunhas zonas de desembocadura dos ríos galegos. No caso concreto do Tambre, o plan de aproveitamento da especie para 2022 autoriza a faenar no tramo comprendido entre a liña que une Punta Testal con Punta Requeixo e Ponte Nafonso, exceptuando a zona de desembocadura do río Tines.

A partir do 1 de maio, o plan de aproveitamento da anguía autoriza a faenar á Confraría de Pescadores San Bartolomé de Noia, que conta con dúas embarcacións autorizadas para exercer a actividade: Benigna, cun máximo de dous tripulantes, e Baña, que poderá levar ata tres. A comercialización das capturas levarase a cabo na lonxa de Noia, estando obrigados os participantes no plan a entregar a totalidade dos exemplares.

Imaxes relacionadas