A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda respondeu unha interpelación no Pleno do Parlamento

A Xunta reformula o programa de vivendas baleiras para ofertar fogares nos concellos con maior demanda e dar seguridade aos propietarios

Ángeles Vázquez insiste en que sobre todo as sete cidades, onde hai maior número destes inmobles, deben implicarse de forma directa

Incide en que “Galicia non pode esperar máis” polo programa que o Goberno quere introducir no Plan estatal de vivenda e insiste na necesidade de que o Executivo central defina con claridade este concepto

Santiago de Compostela, 22 de decembro de 2021

A Xunta reformulou o programa de vivendas baleiras para ofertar fogares nos concellos con maior demanda, sobre todo nas grandes cidades, e dar seguridade xurídica aos propietarios.

Así o avanzou esta tarde a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, que respondeu unha interpelación no Pleno na que sinalou que a principal novidade deste programa é que será de xestión directa da Xunta, pero isto “non implica que se faga de costas ao sector ou que non se conte coa colaboración dos concellos”.

“Todo o contrario, precisamos a colaboración das administracións locais”, asegurou, insistindo en que sobre todo as sete cidades, onde se rexistra maior demanda e onde hai maior número destes inmobles, deben implicarse de forma directa no programa.

A Xunta xa ten pechado esta iniciativa, que ofrece garantías xurídicas para os propietarios —como os seguros de pago do alugueiro e de multirrisco fogar—, así como axudas para mellorar os inmobles, que poden chegar aos 8.000 euros, “o dobre das que prevé o Estado no borrador do seu programa”.

Sobre isto último, Ángeles Vázquez sinalou que “Galicia non pode esperar máis” polo programa que o Goberno quere introducir no Plan estatal de vivenda. Así mesmo, insistiu na necesidade de que o Executivo central defina con claridade este concepto.

A conselleira tamén apuntou que o programa da Xunta está recollido no Pacto social pola vivenda 2021-2025, elaborado no marco do Observatorio da Vivenda no que están representados todos os axentes, desde os promotores e construtores ata os técnicos.

Nesta liña, lembrou que o Pacto recolle outras medidas que teñen acadado moi bos resultados e que continuarán en 2022. Fixo referencia, en concreto, a tres liñas convocadas en 2021 por un importe de case 2 millóns de euros, cuxo crédito se esgotou: axudas para a adquisición de vivenda en cascos históricos (65 axudas), compra de vivenda en concellos de menos de 5.000 habitantes (112 axudas) e adquisición de vivendas de protección autonómica (40 axudas).

Imaxes relacionadas