A conselleira do Mar respondeu no Parlamento a unha interpelación relacionada coa extracción de semente de mexillón

A Xunta mantén a vontade de diálogo para avanzar na convivencia e no futuro da extracción de mexilla e de percebe

A delimitación de zonas para a extracción de mexilla desta campaña ten carácter precautorio e estará vixente ata que entren en vigor os plans de xestión plurianuais do percebe para o período 2022-2024, que están en tramitación

Unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia sinala que os plans de xestión do percebe son o marco no que se deben valorar as medidas necesarias para protexer o crustáceo cando coexiste coa mexilla

Rosa Quintana explicou que estas medidas afectan ao 16% do territorio do litoral da Coruña e Pontevedra no que hai presenza de semente de mexillón, excluíndo as partes nas que xa estaba restrinxida a súa extracción

A titular de Mar fixo fincapé en que todos os pasos dados polo Goberno galego foron informados tanto os representantes dos bateeiros como dos percebeiros en distintos encontros mantidos desde 2020

Na reunión mantida hai uns días coas principais asociacións de produtores de mexillón, o Executivo galego propúxolles, entre outros aspectos, estudar as alegacións presentadas á orde que delimita as zonas de extracción de mexilla e avaliar a posibilidade de flexibilizar as zonas acoutadas

Santiago de Compostela, 22 de decembro de 2021

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, insistiu hoxe na vontade diálogo da Xunta de Galicia para avanzar na convivencia e no futuro da extracción de semente de mexillón (mexilla) e de percebe. Así o destacou no Parlamento en resposta a unha interpelación relacionada coa extracción de mexilla, onde tamén subliñou que o Executivo galego traballa coa finalidade de garantir a explotación “responsable, racional e sostible de ambos recursos nos termos ambiental, económico e social”.
Unha máxima, incidiu, que rexe para todos os sectores marítimo-pesqueiros e nesta premisa se enmarcan medidas como a delimitación de zonas para a extracción de mexilla, tanto para bateeiros como para percebeiros, decretada para esta campaña con carácter precautorio e ata que entren en vigor os plans de xestión plurianuais do percebe para o período 2022-2024, que están en proceso de tramitación. Nestes plans quedarán delimitadas, tal como establece unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, as zonas de reserva da extracción da semente do mexillón dentro do ámbito de cada plan.
Estas medidas, especificou Rosa Quintana, afectan ao 16% do territorio do litoral da Coruña e Pontevedra no que hai presenza de mexilla. Nesta contabilización, aclarou, están excluídas as praias e a parte dos espazos do Parque Nacional das Illas Atlánticas que xa estaban restrinxidos para a extracción de mexilla. Neste sentido, especificou que estas zonas son case as mesmas que en 2021 e que a reserva de zonas non limitou a capacidade para abastecerse de mexilla, xa que a cifra desta semente extraída se multiplicou por tres no último trienio pese a esta medida.
A este traballo do Goberno galego súmase a redacción dun borrador de orde para a regulación da extracción de mexilla en bancos naturais e tamén para a súa obtención de forma directa nas bateas. Esta iniciativa, expuxo a titular de Mar, “foi coñecida por todas as partes”, pero as diferencias, moitas delas incluso dentro do mesmo sector, dificultaron o seu avance.

Varias xuntanzas

Segundo explicou a conselleira do Mar, todos estes pasos dados polo Executivo galego foron informados aos representantes dos bateeiros e dos percebeiros en distintos encontros mantidos desde 2020 e sempre con vontade de diálogo. Ademais neste ano celebráronse seis sesións da Comisión do Mexillón. A maiores, realizáronse diferentes xuntanzas con bateeiros e entidades representativas e coas confrarías e federacións.
Outra mostra da disposición do Executivo galego ao diálogo é a reunión mantida hai uns días cos representantes das principais asociacións de produtores de mexillón. Nesta xuntanza a Xunta fixo distintas propostas. Entre elas, a análise da alegacións presentadas á orde que delimita as zonas de extracción de mexilla para ver a posibilidade de flexibilizar as zonas acoutadas, cuestión que está a realizar o Goberno galego na actualidade.
Outras propostas ofrecidas na reunión son a posibilidade de manter a extracción de semente de mexillón durante todo o ano, a flexibilidade no número de cordas colectoras e a época de despregue, a instalación de hatcheries para a cría de semente ou a creación de polígonos de cordas colectoras.
A conselleira explicou que o sector bateeiro unicamente solicitou retirar o artigo que permite delimitar as zonas de extracción, unha limitación de zonas que se viña abordando co sector desde hai máis dun ano. Non obstante, esa posible supresión chocaría coa xurisprudencia vixente, que di que os plans de xestión de percebe son o marco no que se deben valorar as medidas para protexer este crustáceo cando coexiste coa mexilla, e cos rigorosos informes técnicos que apuntan á necesidade de modificar as zonas de traballo para unha explotación sustentable da mexilla e do percebe.
Por último a conselleira reiterou a disposición ao diálogo e subliñou que as medidas adoptadas buscan “garantir unha convivencia equilibrada e unha axeitada protección dos intereses que concorren na explotación da mexilla e do percebe”.

Imaxes relacionadas