A Xunta reitera a solicitude ao goberno central de máis prazas MIR para afrontar a carencia de profesionais en Atención Primaria

Así o subliñou Julio García Comesaña no Parlamento de Galicia, destacando que os problemas para encontrar persoal substituto en zonas como Moaña ou Baixo Miño responden a esta situación de falta de profesionais

Lembrou que a Xunta ten solicitado ao Ministerio de Sanidade diversas medidas que permitan incrementar o número de especialistas en medicina familiar e comunitaria mentres impulsa reformas para desconxestionar as axendas destes profesionais

O investimento do goberno galego en persoal de atención primaria será, nos Orzamentos para 2022, de 541 millóns de euros, case 100 máis que en 2009
 

Santiago de Compostela, 22 de decembro de 2021

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, sinalou hoxe, no Parlamento de Galicia, en resposta a preguntas dun dos grupos da Cámara referida á atención sanitaria na comarca do Baixo Miño e no concello de Moaña, que a carencia de profesionais especialistas en medicina familiar e comunitaria está dificultando a cobertura estable de prazas como as dos centros destas localidades, nas que quedan vacantes nos concursos de traslados ou é inviable atopar persoal substituto cando se dan casos de incapacidades laborais de moi longa duración, tal e como ten ocorrido nestes casos.
O conselleiro salientou que non se trata dun problema económico, como queda evidenciado polo feito de que os Orzamentos da Xunta para 2022 aprobados onte mesmo incorporan 541 millóns de euros para persoal de atención primaria, o que supón 99,7 millóns máis que no ano 2009; senón dunha carestía de persoal especialista dispoñible para as prazas de medicina familiar e comunitaria.
Esta dificultade para encontrar persoal substituto é común en toda España, por iso destacou o traballo que realiza a área sanitaria de Vigo para cubrir todas as vacantes e ausencias, optando polas medidas ás que están recorrendo todos os sistemas sanitarios de España, e que foron pactadas na mesa sectorial coas organizacións sindicais, como son a prolongación de xornada e a intersubstitución. Así, o titular da carteira sanitaria agradeceu a todos os profesionais que asumen cupos dos compañeiros ou que afrontan os días con prolongacións de xornada, o seu traballo e a súa dedicación que posibilita seguir prestando atención aos pacientes.
Porén, lembrou que a chave para resolver este tipo de situacións é a incorporación dun maior número de especialistas en medicina familiar e comunitaria, para o que a Xunta de Galicia ten demandado xa varias medidas ao Goberno de España: en primeiro lugar a acreditación de 64 novas prazas de docencia MIR en atención primaria en Galicia, en segundo lugar a convocatoria extraordinaria de máis prazas MIR de medicina familiar e comunitaria en toda España, en terceiro lugar a creación da especialidade de urxencias para eliminar o trasvase de persoal formado na especialidade de medicina familiar aos servizos de urxencias e finalmente un conxunto de 20 medidas a medio prazo para reformar tanto o sistema de acreditación de prazas docentes como o programa formativo da especialidade de medicina familiar e comunitaria.
Reorganización da atención primaria
García Comesaña lembrou que, no eido das súas competencias, a Xunta de Galicia está a tomar medidas que permitan desconxestionar as axendas dos profesionais de medicina de atención primaria a través de medidas como a implantación das axendas de calidade, cunha distribución máis racional dos tempos, a potenciación das capacidades doutras categorías existentes na atención primaria, como queda patente coa creación nos Orzamentos para 2022 de 81 novas prazas de enfermaría e 28 de farmacia de atención primaria ou a implantación dun sistema de xestión de demanda denominado XIDE, que está a ser pilotado en varios centros de saúde galegos, e que permitirá a derivación do paciente cara ao profesional máis axeitado para resolver a súa necesidade, evitando que todas teñan que pasar pola consulta do médico.
En relación coas condicións laborais, o conselleiro reiterou a aposta da Xunta de Galicia pola creación do contrato de continuidade, unha oferta de contratación estable de ata tres anos e con compromiso de creación posterior dunha praza fixa. Este contrato comezou a implantarse en 2019 e os Orzamento de 2022 xa crean 82 prazas fixas derivadas dos primeiros que foron asinados, cumprindo co compromiso realizado. Lembrou tamén que a lei de medidas fiscais e administrativas aprobada hoxe mesmo polo Parlamento de Galicia crea unha nova categoría, a de facultativo especialista en atención primaria, coa intención de poder ofertar prazas máis atractivas.

Baixo Miño

No caso concreto do servizo de atención primaria do Baixo Miño, García Comesaña remarcou que o Sergas está a tomar unha serie de medidas organizativas para garantir e mellorar a asistencia. Así, o departamento sanitario galego xa mantivo dúas xuntanzas cos profesionais nas que se fixeron propostas que permitirían ofertar prazas máis atractivas para esta zona produto da reorganización.

Moaña

En relación coa situación de Moaña, onde se intentan cubrir dúas prazas na quenda de tarde que quedaron vacantes tralo último concurso de traslados do Sergas, o conselleiro salientou que a situación epidemiolóxica fai imposible habilitar as instalacións do PAC de Moaña, por ser imposible garantir nas súas instalacións os circuítos diferenciados e, lembrou que a Xunta de Galicia segue agardando pola cesión efectiva dunha parcela por parte do concello de Moaña para construír un novo centro de saúde que triplique a superficie da actual Casa do Mar e no que, por tanto, si poderían habilitarse espazos axeitados. A Xunta xa conta cun proxecto arquitectónico elaborado desde hai meses e con orzamento consignado para continuar a tramitación en canto a administración local ceda á administración autonómica o terreo necesario para iniciar a construción, un compromiso que adquiriu coa sinatura dun convenio en febreiro de 2020.