A Xunta recibe as ofertas de 5 empresas para executar a senda entre Xornes e a Igrexa de San Xoán, en Ponteceso, cun investimento autonómico de 446.000 €

As obras deste novo itinerario na estrada AC-421 comezarán na primavera e o obxectivo é rematalas en 2022, xa que contan cun prazo de execución de 6 meses

Habilitarase un novo itinerario peonil e ciclista de 1,3 km de lonxitude pola marxe dereita da AC-421, enlazando coa senda de Xornes-Buño-Canta la Rana, na que a Xunta investiu 535.000 €

Para facilitar a visibilidade, a senda será en formigón coloreado, con cuneta de seguridade e franxa axardinada onde sexa posible

A Xunta traballa para favorecer a mobilidade e a seguridade dos veciños de Bergantiños, co impulso de novas sendas en Soesto e Serantes, en Laxe, a de acceso ao centro comercial de Coristanco ou a senda do Couto, en Ponteceso
 

Santiago de Compostela, 22 de decembro de 2021

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade recibiu as ofertas de 5 empresas para executar as obras da senda entre Xornes e a igrexa de San Xoán, no concello de Ponteceso, que suporá un investimento autonómico de 446.000 euros.

As obras previstas na estrada autonómica AC-421 ao seu paso por este municipio coruñés comezarán na vindeira primavera co obxectivo de rematalas en 2022, xa que os traballos contan cun prazo de execución de seis meses.

As obras proxectadas polo departamento que dirixe Ethel Vázquez céntrase na construción dun novo itinerario de uso compartido peonil e ciclista pola marxe dereita da AC-421, que permitirá desprazamentos máis cómodos e seguros desde o núcleo de Xornes ata a igrexa de San Xoán. Esta senda enlazará coa senda xa executada en Xornes-Buño-Canta la Rana, que supuxo un investimento da Xunta de arredor de 535.000 €.

A nova senda entre Xornes e a igrexa de San Xoán acadará os 1,3 km de lonxitude e terá 2 metros de ancho, salvo en casos puntuais onde o ancho será maior, xa que se unirá o novo itinerario coa aliñación das parcelas para evitar que queden franxas baleiras no trazado.

A nova senda será en formigón coloreado, para facilitar a visibilidade, e disporá, nos treitos onde sexa posible, de cuneta de seguridade e franxa axardinada. Completaranse os traballos coa execución da drenaxe e das canalizacións para alumeado público e telecomunicacións.

Esta actuación busca mellorar a seguridade dos peóns nesta contorna e fomentar os desprazamentos a pé dos veciños, dispoñendo tamén de mobiliario urbano, un banco que facilite o seu repouso.

A intervención da Xunta súmase á xa executada entre Xornes-Buño-Canta la Rana e completarase con outra nova actuación prevista no municipio: a nova senda no Couto, que se habilitará por ambas as marxes da estrada autonómica que vai a Corme, a AC-424. Será un itinerario de aproximadamente medio quilómetro de lonxitude que dará continuidade ao existente. Contará cun investimento autonómico de arredor de 320.000 €.

Deste xeito, a Xunta inviste 1,3 M € no concello de Ponteceso, en 3 sendas peonís para que os veciños poidan facer os seus desprazamentos a pé de xeito máis cómodo e seguro.

Tamén segue a traballar para dotar a comarca de Bergantiños de novas sendas peonís, como a de Soesto e Serantes, no concello de Laxe, ou a que conectará o centro comercial de Coristanco, favorecendo a mobilidade e a seguridade viaria dos veciños.