A Xunta remata as obras de acondicionamento de beirarrúas na estrada PO-551 ao seu paso polo Concello de Bueu

A actuación contou cun investimento autonómico de máis de 48.000 €, dándose por concluídos os traballos tras a colocación da varanda de protección en distintos tramos

Os traballos, realizados nun treito de 120 metros de lonxitude na marxe dereita desta vía, melloran a estabilidade da beirarrúa peonil

Santiago de Compostela, 22 de decembro de 2021

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade rematou as obras para o acondicionamento de beirarrúas na estrada autonómica PO-551, ao seu paso polo concello de Bueu. Esta intervención supuxo un investimento autonómico de máis de 48.000 euros.
A pesar de que no seu conxunto as obras finalizaron hai unhas semanas, danse agora por rematadas na súa totalidade, tras a colocación da varanda que permite protexer do desnivel que había nalgúns tramos da beirarrúa.
As obras permitiron mellorar a estabilidade da beirarrúa peonil na marxe dereita da estrada autonómica, nun treito de 120 metros de lonxitude, entre os puntos quilométricos 11+250 e 11+370.
Os traballos consistiron na construción dun muro de perpiaños para conter a base da zona de circulación peonil, a posterior execución dun novo recheo e, por último, a pavimentación da beirarrúa nova, cun ancho medio de 1,80 metros e pavimento de baldosa hidráulica.
Ademais, nos vaos peonís, no extremo da beirarrúa, instalouse pavimento táctil direccional ou de botóns, segundo a zona.
Finalmente, acometeuse a reposición da sinalización da estrada e colocouse varanda de protección nalgúns tramos da beirarrúa.

Imaxes relacionadas