A Xunta renova o firme dos accesos ás instalacións de Cruz Vermella en Lugo desde a LU-530 no entorno da Ponte Vella do Rato

O delegado territorial, Javier Arias, destaca que o Goberno galego “segue a traballar na mellora das infraestruturas desta zona da cidade”

Lugo, 22 de decembro de 2021

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade está a mellorar os accesos desde a estrada LU-530 ás instalacións que ten Cruz Vermella no entorno da Ponte Vella do Rato, en Lugo.

O delegado territorial da Xunta, Javier Arias, comprobou hoxe o inicio das obras, que consisten no reforzo do firme mediante unha nova capa de rodaxe de mestura asfáltica en quente.

Os traballos afectan a un traxecto de 95 metros de lonxitude que formaba parte do antigo trazado da estrada que conecta Lugo coa Fonsagrada. A Axencia Galega de Infraestruturas (AXI) inviste arredor de 7.000 euros na actuación, que prevé rematar esta mesma semana.

Arias afirmou que con esta intervención “mellórase notablemente o pavimento e as condicións de acceso á sede da Cruz Vermella e tamén a negocios, parcelas e vivendas situadas neste barrio”.

O delegado lembrou que esta obra dálle continuidade á executada hai poucos meses pola Xunta nesta mesma contorna, onde xa se acondicionou recentemente o acceso á Ponte Vella do Rato, unha actuación moi demandada pola asociación de veciños de Castelo-Rato-A Chanca.

“Deste xeito o Goberno galego segue traballando na mellora das infraestruturas desta zona da cidade”, concluíu Arias, quen destacou que a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade destinou 300.700 euros a acondicionar hai dous anos a travesía de San Eufrasio, unha treito que destaca pola súa elevada intensidade de tráfico.

Imaxes relacionadas