A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, participou esta mañá na reunión do Consello Interterritorial de Xuventude en Madrid e da Axencia Nacional Española de proxectos europeos

Galicia logra 36 proxectos Erasmus+ e de voluntariado europeo para fomentar a formación e a mobilidade da xuventude en Europa

Un total de 1.161 mozas e mozos galegos formaron parte dos proxectos presentados por entidades galegas ao abeiro destes programas en 2021

Madrid, 20 de decembro de 2021

Galicia logrou en 2021 un total de 36 proxectos Erasmus+ Xuventude e de voluntariado no marco Corpo Europeo de Solidaridade (CES) nas diferentes convocatorias deste ano co fin de fomentar a formación e a mobilidade dos mozos e mozas en Europa. A directora xeral de Xuventude, participación e Voluntariado, Cristina Pichel, participou esta mañá na reunión do Consello Interterritorial de Xuventude, así como no Consello rector da Axencia Nacional Española (ANE) de proxectos europeos, que se celebrou na sede do Instituto Nacional de la Juventud (INJUVE), en Madrid.

Nestas accións están implicados un total de 1.161 mozas e mozos galegos. Do total de iniciativas, 23 enmarcáronse dentro do programa Erasmus+ e as 13 restantes no CES.

O programa Corpo Europeo de Solidariedade (CES) apoia á mocidade de entre 18 e 30 anos de idade que queiran involucrarse en actividades de voluntariado en diversos campos, desde a axuda ás persoas en situación de necesidade ata o apoio a actuacións ambientais e de saúde, tanto dentro da Unión Europea como fóra dela.

Pola súa banda, o obxectivo xeral de Erasmus+ é apoiar, a través da aprendizaxe, o desenvolvemento educativo, profesional e persoal das persoas contribuíndo ao crecemento sostible, ao emprego, á cohesión social e ao fortalecemento da identidade europea e a cidadanía activa nunha sociedade en cambio cada vez máis móbil, multicultural e dixital.