Fernández-Tapias anuncia dúas novas vivendas na fachada marítima do Berbés, no número 39 desta rúa

A presidenta do CCVV e delegada territorial da Xunta en Vigo formalizou este luns o contrato de compravenda cos 12 propietarios do inmoble

Recorda que o Goberno galego investiu máis de 29 millóns de euros en actuacións de rehabilitación neste ámbito, permitindo ata o de agora a adquisición de 83 edificios e a posta no mercado de 117 vivendas de protección autonómica (VPA)

Vigo, 20 de decembro de 2021

A presidenta do Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV) e delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, anunciou hoxe a incorporación de dúas novas vivendas ao parque do organismo rehabilitador. Trátase do terceiro inmoble destinado a vivenda no que se intervirá na Ribeira do Berbés, concretamente do número 39.

Unha operación que, segundo sinalou, pechouse en 150.000 euros, e coa que, en palabras da representante autonómica, “seguimos a recuperar a fachada marítima cunha nova adquisición, tras a rehabilitación dos número 29 e 31, a construción do albergue público de peregrinos e a sede da Universidade de Vigo”. Este luns quedaba formalizado o contrato de compravenda cos 12 propietarios do inmoble.
As vivendas, de promoción pública, rozarán os 80 metros cadrados, e ademais habilitarase un baixo comercial.
A presidenta do CCVV defendeu así a necesidade de darlle continuidade ao valioso traballo de recuperación edificatoria e patrimonial que está a realizar o Consorcio do Casco Vello, organismo participado nun 90% pola Xunta e nun 10% polo Concello de Vigo, facilitando cos seus investimentos o acceso a unha vivenda a decenas de familias e a revitalización da zona histórica.

Neste sentido, indicou que esta actuación reafirma o compromiso adquirido polo CCVV de intensificar a intervención na parte baixa do barrio histórico tras anos centrados na recuperación da parte alta. Abundou así na necesidade de concluír intervencións aínda en marcha na zona alta do casco vello vigués ao tempo no que se incrementa a actuación pública na zona baixa, especialmente na contorna da Praza do Berbés e Poboadores, na que por distintas circunstancias a promoción privada atopa dificultades para acometer inversións.

“Seguimos apostando por cumprir cos obxectivos marcados xa que, aínda que se avanzou moito na reconstrución do casco vello, queda moito por facer”, dixo, en clara referencia ao ambicioso plan de actuación dos vindeiros catro anos que contempla a compra de 25 novas edificacións.

Cun conxunto edificable de máis de 7.000 metros cadrados, a representante autonómica indicou que suporá a posta no mercado de 45 vivendas de promoción pública ata o 2025, o que implicará a mobilización de 14,5 millóns de euros ao longo deste cuadrienio.
Desde o ano 2005 o Goberno galego investiu máis de 29 millóns de euros en actuacións de rehabilitación neste ámbito permitindo a adquisición de 83 edificios e a posta no mercado de 117 vivendas de protección autonómica (VPA).

Imaxes relacionadas