O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, participou no acto de clausura do proxecto Factoría 4.0 do Grupo Stellantis

Conde salienta a aposta que está a facer Galicia por impulsar a dixitalización e a sustentabilidade na industria da automoción

Subliña que se trata dun proxecto de enorme transcendencia para toda a cadea de valor do sector, que a Xunta apoia no marco do Programa Fábrica Intelixente e Sostible

Destaca que, pese ao contexto actual, a industria galega da automoción conseguiu incrementar un 13,1% as súas exportacións (máis de 5.800M€), que representan o 28% do total das exportacións de Galicia

Pide axilidade e transparencia na execución dos fondos e que Galicia poida participar no Perte da automoción

Vigo, 20 de decembro de 2021

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, salientou hoxe a aposta que está a facer Galicia por impulsar a dixitalización e a sustentabilidade na industria da automoción, e puxo como exemplo o proxecto Factoría 4.0 do Grupo Stellantis, apoiado pola Xunta.

Nunha xuntanza cos responsables da factoría viguesa para facer balance desta iniciativa, na que tamén colabora o Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG), Conde subliñou que se trata dun proxecto de enorme transcendencia para toda a cadea de valor do sector que a Xunta apoia no marco do Programa Fábrica Intelixente.

Cun orzamento de 145M€ e un período de execución de cinco anos, estivo centrado no deseño de procesos para a fábrica 4.0, e no desenvolvemento e validación de produtos e sistemas para o vehículo do futuro: autónomo, sostible e conectado. En total, realizáronse máis de 300 actuacións e foron rexistradas 36 patentes.

Conde subliñou que, en pleno contexto de transición dixital e ecolóxica, a Xunta vai seguir acompañando o sector para que poida seguir avanzando nos retos que comporta a mobilidade do futuro. Neste escenario, salientou que, a pesar das moitas dificultades que existen pola crise de subministracións no mercado internacional, esta industria conseguiu incrementar un 13,1% a súas exportacións (máis de 5.800M€), que representan o 28% do total das exportacións de Galicia.

O vicepresidente económico concluíu reclamando novamente que o Goberno se centre en criterios obxectivos para que o sector galego da automoción, co seu proxecto AutoÁncora, poida estar representando no Perte do vehículo eléctrico e conectado que xa conta co visto e prace de Bruxelas. E, ao respecto, pediu axilidade na execución e que as comunidades poidan participar na xestión dos fondos europeos en materia de industria.

Imaxes relacionadas