A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade elaborou un estudo novidoso en España para dotar estes centros de conexións adecuadas en transporte público

A Xunta será pioneira en implantar novos servizos de autobús aos cinco centros penais de Galicia incorporando máis frecuencias e horarios axustados ás visitas

A Dirección Xeral de Mobilidade está a presentar e abordar este plan de mellora cos responsables de cada un dos centros penais co obxectivo de implantar os novos servizos nas próximas semanas

As melloras supoñen a creación de novas liñas específicas, a ampliación de itinerarios noutras rutas existentes, o incremento de frecuencias e o axuste de horarios segundo as quendas de visita de cada un dos centros

Santiago de Compostela, 19 de decembro de 2021

A Xunta será pioneira en implantar novos servizos de autobús aos 5 centros penais de Galicia, incorporando máis frecuencias e horarios axustados ás quendas de visita destes centros.

Este novos servizos foron deseñados no marco dun estudo novidoso en España, impulsado desde a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade para a mellora do sistema de transporte público ao conxunto de centros penais de Galicia, co obxectivo de dotalos de conexións adecuadas ás necesidades particulares de cada centro.

Os técnicos da dirección xeral de Mobilidade comezaron este mércores, día 15, a presentar e abordar o plan de mellora específico cos responsables dos centros penais, que xa achegaron as súas propostas durante a fase de deseño dos novos servizos. O obxectivo da Xunta implantar estes novos servizos nas próximas semanas.

En conxunto, entre as melloras salientan a creación de liñas específicas aos centros penais, a ampliación ata os centros dos itinerarios de liñas próximas xa existentes, o incremento de frecuencias ou o axuste dos horarios dos servizos ás quendas de visita.

Cada prisión conta ademais con actuacións específicas segundo as súas circunstancias e as prioridades establecidas polas direccións dos centros.

Na provincia da Coruña, a prisión de Teixeiro dótase de conexións en dous eixos. Por un lado, aprovéitase a situación de Betanzos como nó de comunicación do transporte público do corredor A Coruña-Ferrol, permitindo tamén enlaces con Lugo. Por outro lado, o centro penal intégrase nos servizos entre Santiago de Compostela e Vilalba, engadindo unha parada na entrada do recinto.

En Lugo, o centro penal de Bonxe estará conectado coas cidades da Coruña e Lugo con servizos nos que a parada do cárcere se prestará baixo demanda. Ademais das visitas, a activación desta parada facilita o acceso ao transporte público aos familiares residentes nos pavillóns-vivenda do recinto.

O centro penal de Monterroso contará con servizos baixo demanda desde Lugo, que se engaden aos xa existentes desde a capital de provincia e a outros que conectan o centro con Lalín, A Coruña e Ourense, se ben estas últimas dúas cidades conexións con transbordo en Monterroso.

Na provincia de Pontevedra, o centro penal da Lama xa está conectado na actualidade coa capital da provincia e con Vigo, pero planificáronse novos servizos e adaptánse os actuais para axustalos aos horarios de visita do centro.

En Ourense, para prestar servizos entre a cidade e o centro penal do Pereiro de Aguiar, modifícase o itinerario dunha liña incluíndo unha prolongación ata o recinto e engádense expedicións axeitadas ás quendas de visita. Este centro conta con internos de 3º grao que se desprazan a Ourense por motivos laborais e de formación, que se beneficiarán da mellora dos servizos.

Coa próxima implantación das melloras deseñadas pola Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, Galicia convértese na primeira comunidade en botar a andar un proxecto específico para atender as necesidades de mobilidade dos usuarios que se desprazan aos centros penais. Os traballos forman parte do conxunto de actuacións de seguimento e mellora continua dos servizos que realiza a Xunta no marco do Plan de Transporte Público de Galicia.

Imaxes relacionadas