A Xunta activa o convenio con Farmamundi para a posta en marcha dunha intervención de emerxencia para a mellora da saúde das mulleres afectadas pola guerra en Etiopía

A intervención consiste na mellora do centro de saúde da cidade de Dessi, que se dotará do material necesario para atender ás mulleres embarazadas

O obxectivo é atender as necesidades de 900 mulleres, para o que a Xunta destina máis de 9.000 euros

Santiago de Compostela, 19 de decembro de 2021

A Xunta vén de activar o convenio con Farmamundi para a posta en marcha dunha intervención de emerxencia para a mellora da saúde das mulleres afectadas pola guerra en Etiopía.
A intervención, que se porá en marcha da man da Association for Women’s Sanctuary and Development (AWSAD), entidade coa que Farmamundi colabora na zona, consiste na mellora do centro de saúde da cidade de Dessi, que se dotará de material necesario para atender ás mulleres embarazadas. O obxectivo é atender as necesidades de 900 mulleres perante tres meses, iniciativa á que a Xunta de Galicia destina 9.056 euros, a través da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, dependente da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo.
Etiopía é o segundo país máis poboado de África, con máis de 100 millóns de habitantes. A complexa organización administrativa da súa república federal, composta por estados de base étnica, con inmensos grupos minoritarios dentro de cada estado, xunto co nacionalismo étnico etíope e a inestabilidade desa rexión de África, acabaron por facer que Etiopía experimente varias crises de refuxiados e migrantes de xeito simultáneo en diferentes puntos do mapa do país, cada unha delas coas súas propias causas, dinámicas e consecuencias.
Unha das crises mais severas é a ocasionada polo conflito en Tigrai. O país atópase nun contexto de prolongada guerra civil no que morreron miles de persoas. Ao estalido do conflito uniuse a peor invasión de lagostas no deserto de Etiopía en décadas, o que empeorou as colleitas e está a provocar unha grave crise alimentaria, nun contexto de limitado acceso humanitario e o bloqueo ás organizacións humanitarias e xornalistas.
Co conflito activo seguen aumentando as necesidades humanitarias debido aos desprazamentos de poboación, á perda dos medios de vida e á falta de acceso a mercados, alimentos e servizos básicos.
Segundo o informe da Comisión de Xestión de Riscos e Catástrofes da rexión de Amhara, máis de 2,2 millóns de persoas están actualmente desprazadas, das cales máis de 285.000 son nenos menores de cinco anos e 75.286 estímase que son mulleres embarazadas e lactantes. Coa recente afluencia de desprazados internos, os refuxios de Dessie e Kombolcha están superpoboados.
Segundo o Centro Rexional de Operacións de Emerxencia de Saúde Pública ( PHEOC), a prestación de servizos sanitarios en toda a rexión viuse moi afectada polo conflito en curso, con máis de 200 centros de saúde, 600 postos de saúde e 20 hospitais danados e máis de 7.000 traballadores sanitarios desprazados, o que deixou a máis de 1,3 millóns de mulleres e nenos con necesidades urxentes de servizos sanitarios básicos e a máis de 45.000 menores sen servizos de inmunización rutineiros.
Neste contexto actívase o convenio da Xunta con Farmamundi, coa intención de paliar as necesidades das mulleres embarazadas que precisan de atención sanitaria e coidados.
Dende o ano 2009 ata agora asináronse doce convenios anuais de resposta ante emerxencias coa organización Farmamundi, primeiro a través da Fundación Axencia Humanitaria de Galicia (FAHG) e, dende a súa extinción, a través da Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo, por un monto de 789.044 €. Neste ano 2021 asinouse un novo convenio por importe de 50.000€, así coma unha addenda a dito convenio por importe de 40,000 €,con cargo á cal execútase esta intervención.
O obxecto destes convenios é o de realizar as actuacións que ambas partes acorden, de cara a atender as necesidades máis urxentes das poboacións afectadas por catástrofes de orixe natural ou humano, con especial énfase nos colectivos máis vulnerables, mediante a provisión inmediata de bens e servizos esenciais para a supervivencia (auga, abrigo, medicamentos, atención sanitaria ou outro material de primeira necesidade) e paliar o sufrimento das poboacións afectadas por crises de longa duración e desequilibrios crónicos e estruturais, con énfase en países e poboacións de menor Índice de Desenvolvemento Humano (IDH).

Imaxes relacionadas