A Xunta remata a fase principal de escavación do novo hospital público Gran Montecelo, en Pontevedra, cun sistema pioneiro sen voaduras nin vibracións

Estes traballos, que comezaron en xuño, realizáronse por primeira vez en Galicia cun medio especial de uña con sistema vibrante excéntrico acoplado nunha retroexcavadora de 60 toneladas

Este sistema permitiu escavar 200.000 metros cúbicos e máis de 300 zapatas de cimentación en roca de grandes dimensións
 

Santiago de Compostela 18 de decembro de 2021

A Xunta vén de rematar a fase principal de escavación do novo Hospital Público Gran Montecelo, en Pontevedra, cun sistema pioneiro sen voaduras nin vibracións.

Estes traballos, que comezaron en xuño, realizáronse por primeira vez en Galicia cun medio especial de uña con sistema vibrante excéntrico acoplado nunha retroexcavadora de 60 toneladas.

Esta tecnoloxía innovadora posibilitou a escavación en roca de gran dureza sen requirir voaduras ou vibracións, minimizando polo tanto a afección ao funcionamento do hospital.

O sistema permitiu escavar 200.000 metros cúbicos e máis de 300 zapatas de cimentación en roca de grandes dimensións. Para isto, foron necesarios 300 viaxes diarias de camión bañeira ao exterior do recinto.

Grazas ao avance desta técnica, entre xuño e novembro acometéronse as accións de roza dos terreos e as primeiras demolicións, a escavación xeral e os recheos de muros e zapatas.

Hospital Público Gran Montecelo

A Xunta segue avanzando nas obras do Hospital Público Gran Montecelo, cuxa primeira fase conta cunha achega autonómica de máis de 130 millóns de euros.

No seu conxunto, o Goberno galego investirá 155 millóns de euros para dotar Pontevedra e os veciños da área dun hospital renovado e de referencia, xa que nunha segunda fase reformarase o edificio hospitalario actual, para posteriormente executar o aparcadoiro, cun investimento de 25 millóns de euros.

As obras en execución consisten na construción dun novo edificio hospitalario cunha superficie de preto de 92.000 metros cadrados distribuídos en 10 andares.

As instalacións constan dun edificio dianteiro, no que se situarán as consultas externas para os servizos de hematoloxía, medicina preventiva, cardioloxía ou dixestivo; e outro traseiro para as urxencias, o bloque cirúrxico, a UCI pediátrica ou os laboratorios. Sobre esa zona de basamento elevarase un terceiro bloque que se corresponde co edificio de hospitalización.

O Goberno galego, a través deste proxecto, aposta por mellorar a atención hospitalaria, que actualmente se presta en tres centros afastados: o Centro de Especialidades de Mollavao, o Hospital Provincial e o Hospital Montecelo.

Imaxes relacionadas