Lete destaca “o traballo, a ilusión e a calidade” dos cen anos do atletismo galego e lembra o esforzo da Xunta na renovación do seu mapa de infraestruturas
Destaca a vindeira renovación da pista de atletismo da USC; a licitación do módulo cuberto de atletismo en Ribeira; os compromisos da primeira pista homologada da Mariña, en Cervo, así como da nova pista da Estrada; a adxudicación do módulo cuberto do IFEVI en Vigo ou as obras menores nas pistas de Negreira e Cangas; e, como non, a “mellor pista cuberta de España en Ourense que con tan só cinco anos de vida volverá acoller un Campionato de España Absoluto en 2022”
O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou no serán de hoxe da Gala do centenario da Federación Galega de Atletismo, constituída en Vigo o 27 de marzo de 1921, “tan só 25 anos despois dos primeiros Xogos Olímpicos da Era Moderna”. Lete Lasa asegurou que dende aquela, o atletismo galego reflicte o “traballo duro, a ilusión e a materia prima e calidade” que o levaron a acadar 26 atletas olímpicos galegos e, neste 2021, a primeira medalla olímpica do atletismo galego, o bronce de Ana Peleteiro en triplo salto.
O secretario xeral destacou que eses 26 atletas olímpicos, representan máis do 20% de todos os deportistas olímpicos galegos, un total de 127 con 185 participacións. “O primeiro foi Manuel Molezún, que nacía hai tamén cen anos e participou en Londres 1948 en 110 metros valos, mentres que os últimos mais non os derradeiros, foron Ana Peleteiro, Adrián Ben e Belén Toimil”.
Lete Lasa tamén tivo palabras de recoñecemento para a delegación paralímpica que estivo en Toquio. Dos 14 deportistas e dous guías, que no seu 87,5% regresaron entre os oito mellores do mundo, destacou a todo o equipo galego de atletismo formado por Adi Iglesias, Desi Vila, Gustavo Nieves, Susana Rodríguez Gacio e o seu guía Celso Comesaña. Todos os atletas paralímpicos galegos presentes en Toquio acadaron alomenos un diploma.
O responsable da carteira de Deporte da Xunta destacou o esforzo do Goberno galego na renovación do mapa de infraestruturas do Goberno galego. Neste sentido destacou a vindeira renovación da pista de atletismo da USC (Santiago) cun convenio de colaboración de medio millón de euros; a licitación do módulo cuberto de atletismo en Ribeira (A Coruña); os compromisos da primeira pista homologada da Mariña, en Cervo (Lugo); así como da nova pista da Estrada (Pontevedra); a adxudicación do módulo cuberto do IFEVI en Vigo ou obras menores nas pistas de atletismo de Negreira (A Coruña) ou Cangas (Pontevedra). Do mesmo xeito, resaltou a “mellor pista cuberta de España en Ourense na que xa levamos investidos 4,3 millóns de euros e que con tan só cinco anos de vida volverá acoller un Campionato de España Absoluto en 2022”.
Cómpre salientar que o secretario xeral para o Deporte recibiu de mans do presidente da Federación Galega de Atletismo, Isidoro Hornillos, un recoñecemento polo apoio da Secretaría Xeral ao atletismo galego.