A Xunta promove a degustación de menús de nadal escolares con produtos agroalimentarios galegos en Portas e Covelo

O delegado territorial, Luis López, supervisou esta iniciativa, enmarcada na rede Mercaproximidade, nunha visita ao CPI Domingo Fontán de Portas, que contou con 310 comensais, xunto ao alcalde, Ricardo Martínez, e o rexedor de Pontecesures, Juan Manuel Vidal

Os menús foron elaborados con carne de tenreira, porco e cordeiro, patacas, fabas, mel ou produtos lácteos distribuídos pola Xunta e que contan coa máxima calidade xa que proceden de denominacións de orixe ou indicacións xeográficas protexidas

Portas, 17 de decembro de 2021.- A Xunta de Galicia, a través da Consellería do Medio Rural, está a promover e a impulsar, nestas semanas antes das festas, a degustación de Menús de Nadal para escolares elaborados con produtos agroalimentarios galegos de máxima calidade distribuídos polo Goberno autonómico.

Esta iniciativa, que se está a celebrar nestas datas en oito centros da comunidade, ten lugar no colexio Antonio Blanco Rodríguez de Covelo, con 135 comensais, e no CPI Domingo Fontán, do Concello de Portas, que precisamente hoxe foi visitado polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, para supervisar esta actividade na provincia xunto aos alcaldes de Portas, Ricardo Martínez, e Pontecesures, Juan Manuel Vidal, e o xefe territorial do Medio Rural, Antonio Crespo.

En total, 310 comensais do colexio de Portas degustaron este mediodía un menú especial elaborado con carne de tenreira, porco celta e cordeiro, patacas, fabas, mel e produtos lácteos da máxima calidade, xa que todos eles proceden de Denominacións de Orixe ou Indicacións Xeográficas Protexidas.

“Temos uns produtos agroalimentarios de primeira calidade e, aínda que todos os galegos o sabemos e os recoñecemos, é preciso seguir difundindo o seu consumo entre as novas xeracións para que coñezan as súas características e que, ademais, son moi saudables. Foi un pracer ver á cativada de Portas vivir esta xornada tan especial e interesarse polos alimentos da nosa terra, que ademais causaron unha impresión excepcional”, sinalou o representante autonómico.

Esta iniciativa enmárcase na rede Mercaproximidade, a canle alternativa de comercialización habilitada polo Goberno galego ao inicio da emerxencia sanitaria para garantir que as producións do noso sector primario atopaban saída nas principais cadeas de distribución.

Cabe lembrar que dende o comezo da emerxencia sanitaria pola covid-19, a Xunta tamén doou produtos destas características a bancos de alimentos ou cociñas económicas, para atender aos colectivos máis desfavorecidos. Así mesmo, cedéronse alimentos aos hospitais galegos para que puidesen confeccionar os seus menús con producións de proximidade e de calidade diferenciada.

No marco da canle Mercaproximidade, tamén se desenvolveron campañas nas redes sociais baixo os cancelos #EuVoudeSuperfeirón e #FeirónNaCasa para impulsar a compra de produtos locais de calidade, así como o seu emprego para a elaboración de receitas gastronómicas.

Imaxes relacionadas