Ethel Vázquez salienta o papel da enxeñería na vertebración do territorio e na mellora da calidade de vida dos cidadáns
Destaca o labor destes profesionais en favor da sanidade pública, coa execución de infraestruturas hospitalarias de vangarda na comunidade
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, participou hoxe no acto académico de entrega de premios e diplomas ás promocións da Escola Técnica Superior de Enxeñería de Camiños, Canais e Portos.
Vázquez Mourelle remarcou o obxectivo común dos profesionais da enxeñería, que é contribuír a que o territorio gañe competitividade a través das infraestruturas e que os cidadáns vexan mellorada a súa calidade de vida con máis e mellores equipamentos.
Salientou o traballo da enxeñería a prol da seguridade nas estadas, así como a execución de infraestruturas hidráulicas para sanear as rías e apoiar aos concellos nas competencias de saneamento e abastecemento.
Recordou tamén o labor destes profesionais en favor da sanidade pública, coa execución de infraestruturas hospitalarias de vangarda na comunidade. “O dos equipamentos sanitarios é un campo onde os enxeñeiros tamén teñen moito que achegar”, incidiu.
Citou exemplos de obras en marcha nos Centros Integrais de Saúde de Lugo ou de Lalín ou o impulso dos grandes hospitais en Ferrol, o Gran Montecelo en Pontevedra ou o Novo CHUAC na Coruña, que suporá un investimento de 430 millóns de euros.