A Xunta apoia as accións de innovación para o deseño de novos produtos de iluminación da empresa SETGA de Pontevedra

O delegado territorial, Luis López, informa da resolución do programa Deseña Peme da Axencia Galega de Innovación (Gain) nunha visita a esta empresa pontevedresa, que pretende crear un novo farol con tecnoloxía Led para mellorar os actuais modelos urbanos

O Goberno galego vén de outorgarlle unha achega de 98.750€ para a creación deste produto misturando o ecodeseño, o emprego de materiais de refugallo, a eficiencia, a facilidade de mantemento e a fabricación de proximidade

Pontevedra, 17 de decembro de 2021

A Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación vai apoiar novamente as accións de innovación da empresa Setga, emprazada no Concello de Pontevedra, para a creación de novos produtos de vangarda no ámbito da iluminación a través do programa Deseña Peme, que vén de outorgarlle unha achega de 98.750 euros.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, informou esta mañá da resolución desta orde de axudas impulsada pola Axencia Galega de Innovación (Gain), dependente da Vicepresidencia económica, nunha visita ás instalacións desta firma pontevedresa, que pretende deseñar un novo farol con tecnoloxía Led para mellorar e substituír os actuais modelos empregados nos ámbitos urbanos.

O representante autonómico anunciou que o programa Deseña Peme vai cofinanciar un total de 25 proxectos de toda Galicia cunhas axudas por valor de case 1,5 millóns de euros e unha mobilización prevista de 2,9 millóns. De todos eles, unha ducia pertencen á provincia de Pontevedra e entre os mesmos figuran, ademais do de Setga, outros da zona norte orientados ao deseño de produto, como os de Mariscos Sálvora (Vilagarcía) con 65.000 euros, Soluciones Conceptuales e Innovación (Soutomaior) con 29.100 euros e Mercantia Desarrollos Alimentarios (Silleda) con 24.550 euros, aínda que neste caso oriéntase á creación de novos servizos e experiencias.

O proxecto de Setga, unha empresa especializada en accións de I+D no sector da iluminación, céntrase na creación dun novo farol de uso urbano que mesture o ecodeseño, o emprego de materiais de refugallo, a eficiencia enerxética, a facilidade de mantemento e a fabricación de proximidade co obxectivo de afondar na innovación, a sostenibilidade e a apertura de novos mercados.
Para elo, desenvolverá un proceso que se distribuirá nas etapas de formulación da idea, desenvolvemento e deseño e pre-industrialización que será acometido por un equipo de catro persoas, unha delas de nova contratación, e a colaboración de dúas empresas externas de enxeñería e xestión ambiental.

“A capacidade de emprendemento e de traballo dos galegos e as súas ansias de crecemento e modernización son dignas de eloxio e están a ser fundamentais no forte crecemento de Galicia, polo que merecen o máximo apoio da Xunta neste proceso ascendente da industria e da súa conversión nun modelo 4.0. Ademais, no caso dunha empresa punteira como Setga, esta colaboración é unha constante pola súa evolución nos seus trinta anos de historia”, debullou o delegado territorial.

A empresa Setga, emprazada na parroquia pontevedresa de Alba, foi creada no ano 1990 e centra a súa actividade na instalación de iluminación exterior, mobiliario urbano, sistemas de regulación de tráfico e servizos enerxéticos e ten alcance internacional con presenza nos Países Baixos, Suecia ou Emiratos Árabes Unidos, entre outros.

Imaxes relacionadas