A Xunta consensuará co club de remo de Cabo de Cruz as posibilidades de habilitar un acceso independente ao mar

Santiago de Compostela, 17 de decembro de 2021

A Xunta de Galicia, a través de Portos de Galicia e a Secretaría Xeral para o Deporte, consensuará directamente co club de remo de Cabo de Cruz as posibles alternativas para habilitar un acceso independente ao mar para os integrantes desta entidade. Así llo comunicou esta mañá a presidenta do organismo portuario, Susana Lenguas, ao alcalde de Boiro nunha reunión de traballo.
A representante do ente dependente da Consellería do Mar trasladou que ambos departamentos autonómicos tiveron xa contactos para coordinar a posible contribución da Xunta de Galicia a dar resposta ás necesidades do Club de Remo, que desenvolve a súa actividade no porto boirense.
A proposta inicial do Executivo galego pasará por impulsar unha alternativa de acceso ao mar que permita aos deportistas deixar de empregar a rampla de varada que utilizan na actualidade, reforzando así a seguridade destes usuarios e mellorando as súas condicións de actividade.
O Club de Remo de Cabo de Cruz é un dos máis destacados de Galicia no seu ámbito e o único, xunto co de Ares, que compite na primeira categoría.