Arias explica que a Xunta destinará 7,8M€ a programas de cooperación para o desenvolvemento no 2022

O delegado territorial de Lugo gabou o papel das Organizacións Non Gubernamentais que traballan neste eido durante a presentación da mostra De oficio defensoras

Lugo, 16 de decembro de 2021

A Xunta de Galicia destinará o próximo ano 7,8 millóns de euros a programas de cooperación para o desenvolvemento, tanto en Galicia como no exterior. O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, subliñou o apoio do Goberno galego “ás accións vinculadas coa defensa dos dereitos humanos e a loita contra as desigualdades, e a colaboración coas Organizacións Non Gubernamentais (ONG) neste obxectivo común”.

Arias gabou hoxe o labor destes colectivos durante a inauguración en Lugo da mostra De oficio defensoras, organizada pola Coordinadora Galega de ONG para o Desenvolvemento, con motivo do seu 30 aniversario; no acto participou tamén Gema Filgueira, vicepresidenta da Coordinadora, entre outros.

Arias indicou que arredor do 80% do orzamento para cooperación da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea xestiónase a través destas entidades mediante convocatorias públicas de subvencións. Así mesmo, a Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo destina 100.000 euros á Coordinadora Galega de ONGD mediante un convenio para reforzar ás 45 entidades que agrupa e para organizar actividades encamiñadas a mellorar a visibilidade da cooperación galega para o desenvolvemento.

Neste contexto, a Coordinadora presenta dende hoxe e ata o 31 de xaneiro na Praza Maior de Lugo esta exposición, composta polos retratos e as biografías de 15 mulleres defensoras dos dereitos humanos que colaboran coas ONGD galegas dende países como Mozambique, Colombia, Sáhara Occidental, Nicaragua, Honduras ou Palestina.

 

Imaxes relacionadas