A Xunta colabora no acondicionamento da casa reitoral de San Vicente de Pedrera para dedicala a local social da asociación de veciños Peizal-Outeiro

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, e o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, comprobaron hoxe os traballos realizados na instalación eléctrica, os accesos, a traída de augas e o mobiliario

A Xunta financiou esta actuación ao abeiro das axudas do Plan específico de Acción Comunitaria dirixidas ás entidades veciñais, ás que este ano o Goberno galego destinou 2,5M€ en apoio a proxectos de 173 asociacións

Natalia Prieto anunciou que a Xunta incrementará en 2022 o orzamento destas subvencións nun 20% ata acadar os 3M€

Lugo, 16 de decembro de 2021

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, visitou hoxe co delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, as actuacións de acondicionamento e equipamento levadas a cabo na antiga casa reitoral de San Vicente de Pedrera para destinala a local social da asociación de veciños Peizal-Outeiro.
O Goberno galego colaborou este ano cunha axuda de 17.000 euros na terceira fase destas obras ao abeiro das axudas do Plan específico de Acción Comunitaria que cada ano convoca a Xunta para financiar a realización de obras nos locais sociais das asociacións de veciños e de mulleres rurais ou da adqusición de equipamento para realizar as súas actividades, así como na reparación de traídas de auga das comunidades de usuarios de augas.
Neste caso, a Xunta colaborou nas actuacións da terceira fase do proxecto de acondicionamento da antiga casa reitoral, que inclúe a instalación eléctrica, melloras nos accesos, traída de augas e a compra de mobiliario. Así, instaláronse tubos e caixas, cadros eléctricos, detectores de presenza e halóxenos e luminarias led. Tamén se colocou un motor de auga desde un pozo ás instalacións xunto coa previa realización de fosa séptica. As melloras completáronse coa colocación de ventás e porta de acceso ademais da compra de mobiliario.
A asociación de veciños de Peizal-Outeiro é unha das 173 entidades galegas que se beneficiaron das axudas deste ano ás que a Xunta destinou 2,5 millóns. Natalia Prieto avanzou hoxe que, tendo en conta o elevado número de solicitudes que se presentan cada ano á convocatoria, o Goberno galego incrementará o próximo ano nun 20% o orzamento reservado para esta orde de subvencións, ata acadar os 3 millóns de euros.
Nos últimos anos, a Xunta financiou con estas axudas 1.151 proxectos cos que garantir o funcionamento e mantemento destas entidades, o que supuxo un investimento de 13 millóns de euros.
A directora xeral de Administración Local destacou o compromiso da Xunta co movemento veciñal e a mellora de calidade da vida da cidadanía e incidiu no papel das entidades veciñais para dinamizar a vida local e trasladar as institucións as demandas e necesidades dos veciños, xa que son a organización máis próxima á veciñanza.

Imaxes relacionadas