A Xunta aproba 3 liñas de axuda para seguir fortalecendo a economía social e apoiando a contratación de persoas en risco de exclusión

Feijóo salienta que o investimento, que será de 2 M€, formará parte do total de 35 M€ que se destinarán o próximo ano a crear e fomentar o emprego na economía social

Santiago de Compostela, 16 de decembro de 2021

O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, informou hoxe, tras a reunión do Consello da Xunta da aprobación de 3 liñas de axuda para seguir impulsando a economía social con apoios á rede Eusumo, a asociacións e á contratación de persoas en risco de exclusión.

O investimento de 2 M€ formará parte do total de 35 M€ que se destinarán o próximo ano a crear e fomentar o emprego na economía social.

Sobre a primeira liña de axudas, que contará cun millón de euros de orzamento -un 25% máis que o ano anterior- Feijóo explicou que permitirá respaldar ás empresas de inserción laboral na contratación de persoas en risco de exclusión social. Como requisito os solicitantes deberán ter un 30% do cadro de persoal ocupado por estes perfís e a duración dos contratos deberá ser superior aos 6 meses con xornadas laborais por riba do 50%.

En relación ao segundo dos apoios de 683.000 € e dirixido á rede Eusumo, o presidente da Xunta salientou que beneficiará a preto de 50 entidades que chegan a máis de 4.000 persoas.

E, por último, no relativo a terceira liña de axuda, Feijóo destacou que os 330.000 € restantes se destinarán a sufragar os gastos das entidades máis representativas para potenciar a súa consolidación.

 

Imaxes relacionadas

Departamento:
A Presidencia da Xunta