A Xunta destinará máis de 13 M€ para a contratación de persoas menores de 30 anos en centros de investigación públicos e privados sen ánimo de lucro

Feijóo destaca que a previsión é contratar a entre 400 e 585 mozos e mozas

Fai fincapé en que esta iniciativa formará parte do plan Emprega Xuventude, que en 2022 incorporará actuacións dirixidas á contratación de menores de 30 anos cun orzamento de preto de 52 M€
 

Santiago de Compostela, 16 de decembro de 2021.- O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe, na rolda de prensa do Consello, a aprobación dun novo programa, o Investigo, ao que se destinarán máis de 13 M€ para a contratación de persoas menores de 30 anos en centros de investigación, tecnolóxicos, universidades e fundacións públicos e privados sen ánimo de lucro.

A previsión, afirmou Feijóo, é contratar a entre 400 e 585 persoas, que obterán un contrato de 12 meses a xornada completa e no que terán prioridade os empregos ligados á sanidade, transición ecolóxica e outros vencellados a big data e proxectos de investigación cultural ou social. Máis polo miúdo, tamén subliñou que será o Goberno galego quen financie os custos laborais e salariais dos contratados.

Finalmente, Feijóo fixo fincapé en que esta iniciativa formará parte do plan Emprega Xuventude, que en 2022 incorporará actuacións dirixidas aos máis mozos cun orzamento de preto de 52 M€, como o programa de primeira experiencia profesional nas Administracións públicas, o programa Talento 30 ou os obradoiros de emprego xuvenís.
 

Imaxes relacionadas

Departamento:
A Presidencia da Xunta