A Xunta destina máis de 80.000 euros aos estudos previos para a remodelación das instalacións portuarias de Santa Cristina de Cobres

A presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, informou ao alcalde de Vilaboa das previsións de actuación do seu departamento no municipio

Santiago de Compostela, 16 de decembro de 2021

A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, ten definida unha partida de 83.000 euros para os estudos previos necesarios de cara a remodelación das instalacións portuarias de Santa Cristina de Cobres, no municipio pontevedrés de Vilaboa. Estes traballos enmárcanse no servizo de redacción de proxectos en medio centenar de instalacións autonómicas. Así llo comunicou esta mañá a presidenta do ente público, Susana Lenguas, ao alcalde da localidade nunha reunión de traballo na sede do organismo autonómico.

A actuación prevista para Santa Cristina de Cobres prevé mellorar a operatividade das instalacións e reducir, de ser posible, o seu impacto ambiental, especialmente no hidrodinamismo da zona. Segundo trasladou a presidenta de Portos, a día de hoxe o ente público avanza agora nos estudos marítimos de axitación da ondaxe.

O servizo de redacción de estudos e proxectos, que se atopa xa en execución, inclúe así mesmo o documento ambiental, estudos de dinámica litoral, hidrodinámico de correntes, de patrimonio cultural e arqueolóxico, batimétrico e de alternativas e o anteproxecto ou proxecto básico, antes da redacción do proxecto construtivo. Susana Lenguas explicou ademais que a proposta integra a petición do sector de Vilaboa de analizar a posibilidade de atopar maior permeabilidade ao dique permitindo o fluxo de correntes dun a outro lado do mesmo.

Finalmente, informou tamén de que Portos de Galicia é coñecedor das necesidades do sector portuario, especialmente o bateeiro, que opera no porto de San Adrián e o próximo de Domaio, onde na actualidade xa se está a traballar nunha solución para aumentar a capacidade de atraque, especialmente para a descarga do mexillón. Para este proxecto Portos destina unha partida orzamentaria de 96.000 euros. A este respecto Susana Lenguas lembrou que a ensenada de San Simón atópase en Rede Natura 2000, aspecto que fai máis complexa a tramitación dos proxectos.