Luis López destaca a "potencia e liderado" do sector audiovisual galego na clausura da 11º Masterclass Augal de Pontevedra

O delegado territorial participa no acto de peche e entrega de diplomas desta iniciativa, impulsada pola Xunta e a Universidade de Vigo, na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación do Campus da Xunqueira

O representante autonómico pon en valor o apoio do Goberno galego, a través da Axencia Galega de Industrias Culturais, ao desenvolvemento do sector dende a formación á produción de proxectos

“O audiovisual galego é da máxima calidade e é coñecido e recoñecido en España e en Europa, como demostran os numerosos recoñecementos e a exportación constante de traballos fóra das nosas fronteiras”, puntualizou Luis López

Pontevedra, 15 de decembro de 2021

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, destacou esta tarde a “potencia e liderado” do sector audiovisual galego na clausura da 11ª edición da Masterclass Audiovisual Galego Augal celebrada na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación do Campus de Pontevedra.

“O sector audiovisual galego é da máxima calidade e é coñecido e recoñecido, cun crecente prestixio, en España e en Europa, como demostran os numerosos recoñecementos que recibe nos ámbitos nacional e internacional e a exportación constante dos nosos traballos e produtos fóra das nosas fronteiras”, puntualizou o representante autonómico, que tamén puxo en valor o “apoio e colaboración constantes” da Xunta de Galicia con este sector “pola súa importancia económica e no emprego e tamén porque forma parte da nosa identidade, idiosincrasia e configuración social como pobo”.

O delegado territorial participou esta tarde, xunto con autoridades académicas e representantes do sector, no acto de peche e entrega de diplomas desta iniciativa, que se desenvolveu entre os meses de novembro e decembro e que foi impulsada pola Xunta, a través de Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic), e pola Universidade de Vigo por medio do Departamento de Comunicación Audiovisual e Publicidade, emprazado na citada facultade do Campus da Xunqueira.

Luis López, que salientou o respaldo do Goberno galego ao desenvolvemento do sector a través da formación e da produción de proxectos, subliñou a calidade desta Masterclass Augal, xa que contou coa participación de importantes figuras do cine, as curtametraxes, a televisión, a produción, a dirección ou a guionización, como Alfonso Zarauza, Araceli Gonda, Xacio Baño, María Solar ou Federico Pérez, entre outros.

Os alumnos participantes, tanto estudantes como profesionais do sector que puideron asistir de xeito gratuíto ás 24 horas de carga lectiva, recibiron un diploma acreditativo de asistencia por parte de Agadic.

Imaxes relacionadas