A conselleira de Política Social, Fabiola García, mantivo hoxe un encontro cos mellores oradores da anterior edición e co equipo a mellor traballo de investigación

A Xunta abre a convocatoria da 13ª edición do programa Parlamento Xove para o curso 2021-22

O Goberno galego destaca que este programa leva desde o ano 2010 permitindo que as mozas e mozos dialoguen, investiguen e escoiten as opinións dos demais

Os equipos terán de prazo para inscribirse na nova convocatoria ata 17 de xaneiro a través da páxina web de Xuventude

Os equipos contarán cunha fase clasificatoria na que o tema a debater será: Debería existir unha regulación para ser youtuber ou influencer que garanta que desempeñen as súas funcións correctamente?

Poderán presentarse un total de 48 equipos nas categorías de ESO e Bacharelato e 16 na destinada a estudantes universitarios

Santiago de Compostela, 15 de decembro de 2021

A Xunta abriu hoxe o prazo a convocatoria da 13ª edición do programa Parlamento Xove para o curso 2021-22. A conselleira de Política Social, Fabiola García, mantivo esta tarde un encontro coas mozas e mozos que foron premiados como mellores oradores no curso 2020-21, así co grupo que foi recoñecido como mellor equipo de investigación, onde destacou que esta iniciativa permite que as xeracións máis novas dialoguen, investiguen sobre temas do seu interese e aprendan a escoitar as opinións dos demais.

A conselleira sinalou que Parlamento Xove leva desde o ano 2010 premiando e fomentando o debate nos centros escolares e entre a mocidade galega. Ao longo deste tempo, sinalou, foron preto de 400 os equipos procedentes dos centros galegos de ESO ou Bacharelato e 14 de universidades. O programa conta con categorías escolares, tanto para a ESO como para Bacharelato, e tamén cunha categoría universitaria na que poden participar os estudantes de grao dos sete campus e das tres universidades galegas.

Os equipos terán de prazo para inscribirse na nova convocatoria ata o 17 de xaneiro a través da páxina web de Xuventude. O programa farase en dúas fases, unha primeira clasificatoria da que xurdirán oito equipos gañadores e que se enfrontarán posteriormente nunha fase final. O tema de debate para esta fase clasificatoria será: Debería existir unha regulación para ser youtuber ou influencer que garanta que desempeñen as súas funcións correctamente?. A concreción da fase final farase pública na web unha vez se supere a fase clasificatoria inicial.

Un total de 64 equipos

Os grupos das modalidades escolares estarán conformados por catro estudantes e unha profesora que fará as funcións de coordinación. En total poderá haber 48 equipos (24 por categoría). No caso dos equipos universitarios, poderán presentarse un máximo de 16 equipos e poderán estar compostos por un mínimo de dous estudantes e un máximo de catro.

Os premios para os equipos gañadores do Parlamento Xove consiste nunha viaxe valorada en 5.000 euros para as categorías escolares e en 2.500 para o equipo gañador da categoría universitaria. Así mesmo, dotase dunha mención especial e dun agasallo aos mellores oradores e os mellores artigos de investigación que tiveron cada unha das categorías.

Participantes no encontro

No encontro de hoxe participaron os estudantes Andrés Collantes e Lucía Gesto, do colexio La Salle de Santiago, Manuel Moure, do CPR Plurilingüe Sagrada Familia de Vilagarcía e Breixo Baamonde do CPR Plurilingüe Nosa Señora de Lourdes da Estrada. Tamén asistiron os mellores oradores de Bacharelato: Alicia Lago, do Colexio La Salle de Santiago, Aleixandra Torres, do IES Marco do Camballón de Vila de Cruces, Manel Agra, do IES Fontexería de Muros e Anne Rodríguez do IES de Becerrreá.

Así mesmo, tamén participaron os compoñentes do grupo de mellor artigo: Paloma Quintela, Clara Caamaño, Uxía Carballo e o profesor José David Espasandín do IES Fontexería de Muros.

Imaxes relacionadas