A Xunta concedeu este ano 40 axudas para facilitar a compra dunha vivenda protexida nova ou rehabilitada

O IGVS esgotou os 450.000 € reservados en 2021 a este novo programa, que recibiu máis dun cento de solicitudes e se acabarán de atender con cargo á próxima convocatoria

Santiago de Compostela, 15 de decembro de 2021

A Xunta de Galicia concedeu este ano un total de 40 axudas para facilitar a outras tantas familias a adquisición dunha vivenda de protección autonómica, nova ou rehabilitada.

Esta primeira convocatoria de axudas para a compra de vivendas protexidas abriuse o pasado mes de xullo e contou cun orzamento global de 450.000 euros. Unha vez resoltas todas as solicitudes—máis dun cento—, o Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) esgotou os fondos asignados ao programa, tal e como se recolle na resolución publicada hoxe no DOG, o que lle permitiu outorgar 40 subvencións a persoas que adquiriron en 2021 unha vivenda de protección autonómica de réxime xeral ou especial, tanto de nova construción como rehabilitada.

En todo caso, a Xunta prevé que aqueles solicitantes que, cumprindo todos os requisitos fixados nas bases, non puideron acceder ás axudas deste ano por falta de crédito, poidan beneficiarse das mesmas con cargo á convocatoria que se publicará en 2022.

Grazas a esta liña de subvencións, cómpre lembrar que os beneficiarios disporán dunha axuda equivalente ao 20% do custo do inmoble, cun límite de 20.000 euros no caso de solicitantes menores de 35 anos e que compraran a súa vivenda nunha cidade. Para o resto, o importe máximo dependerá da área xeográfica na que estea localizado o inmoble.

En relación cos requisitos de acceso, os beneficiarios deben ser adquirintes ou adxudicatarios, en primeira transmisión, dunha vivenda de protección autonómica, ou ben ter subscrito —con posterioridade ao 1 de xaneiro de 2021— un contrato privado de compravenda visado polo IGVS ou, de ser o caso, unha escritura pública de compravenda que conteña as cláusulas obrigatorias derivadas da cualificación definitiva da vivenda.

Cómpre lembrar que este é un dos novos programas impulsados polo IGVS no marco do Pacto social pola vivenda 2021-2024, un ambicioso paquete de actuacións no eido residencial asinado a comezos deste ano e que inclúe medio cento de medidas co obxectivo de mobilizar case 1.100 millóns de euros, entre fondos públicos e privados, para chegar a beneficiar a máis de 70.000 familias galegas.
 

Imaxes relacionadas