As obras do Centro Galego de Innovación da FP, en Ourense, entran na súa recta final coa previsión de comezar a funcionar en 2022

Román Rodríguez explica que os traballos están executados ao 85% e, unha vez concluídos, a idea é que a partir da primavera se poidan ir asentando os primeiros proxectos

O centro está concibido como un espazo de referencia da Formación Profesional vencellado á proxectos innovadores nos ámbitos da realidade virtual, a simulación de procesos, a impresión 3D, a industria 4.0, a industria enerxética e a biotecnoloxía
 

Ourense, 15 de decembro 2021

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, e o vicepresidente segundo da Deputación de Ourense, César Fernández, comprobaron esta mañá o desenvolvemento das obras de construción do Centro de Innovación da FP, que entran na súa recta final coa previsión de que este espazo poida estar operativo en 2022. Á visita na que foi a antiga Escola Fogar de Mariñamansa tamén asistiu o delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén.

Román Rodríguez sinalou que actualmente a obra está executada ao 85% e avanza “a bo ritmo” coa previsión de que estea concluída a finais de xaneiro “sempre e cando -puntualizou- non se produzan novos problemas de subministro de materiais”. Nestes momentos estase traballando na colocación do falso teito da planta alta, así como das luminarias e a instalación dos baños. Á vez que se van concluíndo as obras na infraestrutura, a Xunta iniciará os trámites pertinentes para a adquisición do equipamento así como para o desenvolvemento de cuestións administrativas como creación da dirección do centro e a dotación de persoal docente.

Polo tanto, “se todo discorre con normalidade, os primeiros proxectos poderían implantarse a partir da vindeira primavera”, especificou o conselleiro, que lembrou a aposta estratéxica que está a facer o Goberno da Xunta en colaboración coa Deputación de Ourense por este “espazo de referencia da Formación Profesional desde Ourense para toda Galicia” cun investimento que acada os 9,9M€.

O Centro Galego de Innovación da FP de Ourense está chamado a ser chamado a ser o principal espazo de referencia da nova Estratexia Galega de FP 2021-2025. Para iso, foi deseñado como unha infraestrutura de case 2.500 m² destinado á innovación no eido da Formación Profesional e concibido como “un laboratorio de estudo e investigación de proxectos tanto desde a perspectiva académica como da transferencia de coñecemento, de aí a importancia de que se establezan sinerxías coas institucións e coas empresas”, destacou Román Rodríguez, quen se referiu tamén aos principais ámbitos de desenvolvemento a implantar que son a realidade virtual, a simulación de procesos, a impresión 3D, a industria 4.0, a industria enerxética e a biotecnoloxía.

O Centro distribuirase en planta baixa e primeira planta, cun total de catro talleres, dous laboratorios e catro aulas-taller, totalmente equipadas coas últimas tecnoloxías industriais e de comunicacións, e zona de administración e servizos.
 

Imaxes relacionadas