A Xunta comezará a ingresar a finais deste mes o complemento extraordinario aos 37.000 perceptores de pensións non contributivas

O Goberno galego investirá preto de 8 millóns de euros nesta axuda, que beneficia a un colectivo que o necesita moi especialmente


O ingreso realizarase de oficio a partir de finais do mes de decembro a todos os beneficiarios que reúnan os requisitos, e ascenderá a 206 euros por persoa
 

Santiago de Compostela, 15 de decembro de 2021

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a aprobación do complemento extraordinario para os 37.000 perceptores de pensións non contributivas da nosa Comunidade. Unha axuda destinada aos pensionistas de xubilación e invalidez na súa modalidade non contributiva, a persoas anciáns e enfermas con incapacidade para o traballo e beneficiarias de axudas periódicas e ás persoas con discapacidade que perciben o subsidio de garantía de ingresos mínimos.

O Goberno galego investirá preto de 8 millóns nesta axuda, que beneficia a un colectivo que o necesita moi especialmente. O ingreso realizarase por oficio a finais do mes de decembro a todos os beneficiarios que reúnan os requisitos, e ascenderá a 206 euros por persoa.

Galicia foi das poucas comunidades que mantivo de xeito ininterrompido durante os últimos anos este complemento, que non é obrigatorio, senón que son as propias comunidades autónomas as que deciden o seu mantemento.
 

Imaxes relacionadas