Alfonso Rueda reivindicou o papel do Camiño de Santiago na construción de Europa nunha conferencia no Colexio Maior Universitario Pío XII de Madrid

O vicepresidente primeiro da Xunta tamén abordou na ponencia as medidas levadas a cabo polo Goberno galego na mellora dos Camiños de Santiago e os albergues da rede pública para acoller aos peregrinos neste Xacobeo 21-22

Madrid, 14 de decembro de 2021

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, reivindicou hoxe o papel do Camiño de Santiago na construción de Europa nunha conferencia que impartiu perante os alumnos do Colexio Maior Universitario Pío XII de Madrid.

Alfonso Rueda salientou os valores universais de solidariedade, concordia e respecto á diversidade que identifican o Camiño e que se converteron en símbolo de identidade de Europa, ademais de poñer en valor o significado das rutas xacobeas ao longo da historia e o potencial turístico que os itinerarios cara Santiago de Compostela e o Xacobeo supuxeron para Galicia, en particular, e para o conxunto de España en xeral.

O vicepresidente primeiro animou os alumnos a camiñar a Galicia con motivo do Xacobeo 21-22 porque, indicou, “vai ser unha experiencia única nas vosas vidas”. Así, lembrou que a Xunta non se quedou de brazos cruzados pese a pandemia e puxo en marcha tódalas medidas de prevención ante covid nas rutas xacobeas e nos albergues co obxectivo de contar cun Camiño Seguro e ofrecer a mellor imaxe de Galicia a turistas e peregrinos no Ano Santo.

Puxo como exemplos as actuacións levadas a cabo no acondicionamento, a sinalización e o embelecemento dos distintos trazados no marco do Plan Director do Camiño de Santiago 2015-2021 ou a creación de novos albergues da rede pública para contar cun total 78 infraestruturas de acollida ao peregrino ao longo deste Xacobeo, xunto con outros traballos cos que acondicionar e mellorar a accesibilidade e a eficiencia enerxética nos xa existentes.