A Xunta apoiou con 600.000€ a 43 asociacións da área de Vigo na reforma dos seus locais sociais e na dotación de equipamento

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, e a delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, visitaron hoxe as melloras realizadas na sede da Asociación de Veciños, Consumidores e Usuarios de Beade no marco das axudas concedidas pola Xunta este ano ás entidades veciñais

Natalia Prieto destacou o compromiso da Xunta co movemento veciñal polo seu importante papel para dinamizar a vida local e contribuír ao benestar da cidadanía

Vigo, 14 de decembro de 2021

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, visitou hoxe coa delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, as melloras levadas a cabo no local social da Asociación de Veciños, Consumidores e Usuarios de Beade ao abeiro das axudas do Plan específico de Acción comunitaria deste ano.
Esta organización é unha das 43 da área de Vigo que resultaron beneficiarias na última convocatoria destas subvencións cun investimento de 600.000 euros. Trátase ademais dunha das 14 entidades da cidade de Vigo que recibiu apoios da Xunta no marco desta liña de axudas dirixidas ás asociacións de veciños e mulleres rurais para melloras nos seus locais sociais ou a adquisición de equipamento e ás comunidades de usuarios de augas para a reparación de traídas de auga.
A achega de case 15.000 euros á AAVV de Beade permitiu reformar unha das aulas do edificio nas que se levan a cabo parte das actividades mellorando o seu illamento térmico e acústico, ademais de renovar os equipos informáticos de consulta da biblioteca e adquirir un novo conxelador para os cursos de cociña ou un novo proxector para o auditorio.
No conxunto de Galicia, un total de 173 entidades beneficiáronse dos 2,5 millóns investidos na orde deste 2021. Na convocatoria do próximo ano o orzamento incrementarase nun 20% ata os 3 millóns de euros para dar resposta ao elevado número de solicitudes que se presentan cada exercicio. Ademais, nos últimos anos a Xunta leva investido preto de 13 millóns de euros para financiar un total de 1.151 proxectos destas organizacións cos que garantir o seu funcionamento e o mantemento da súa actividade.
Durante a visita, Natalia Prieto destacou a contribución da Xunta á mellora da calidade de vida local con medidas coma estas axudas. Nesta liña, incidiu na importancia do papel do movemento veciñal para dinamizar a vida local e canalizar as demandas da cidadanía ás administracións pola súa proximidade aos veciños.