A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, asistiu esta mañá á inauguración no Museo Centro Gaiás

A exposición itinerante ‘Xuventude Crea. Máis dunha década’ chega á Cidade da Cultura

A partir do 2022 continuará o seu percorrido polas cidades da Coruña e Ferrol, así como por vilas como Noia ou Chantada

Desde o mes de maio percorreu gran parte da xeografía galega ao pasar por: Ribeira, Lalín, Vigo, Tui, Pontevedra, Lugo e Ourense

Esta exposición recolle algunha das creacións deste programa durante os últimos dez anos en seis categorías distintas

Este sábado celebrarase no CGAC a Gala Final do ano 2021, na que participarán as mozas e mozos que resultaron gañadores nesta edición

Santiago de Compostela, 14 de decembro de 2021

O Museo Centro Gaiás acolle desde hoxe a exposición Xuventude Crea. Máis dunha década, que repasa os máis de dez anos de vida dun programa que busca recoñecer e dar visibilidade á innovación da xente nova de Galicia en 14 disciplinas diferentes. A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, asistiu esta mañá á inauguración da mostra na Cidade da Cultura.

A exposición, que ten carácter itinerante, está conformada por diferentes traballos de mozas e mozos galegos en seis destas disciplinas nunha iniciativa da Xunta de Galicia que promove o talento e a creatividade da mocidade galega. A exhibición pódese ver cada mes nun concello diferente. Así, na capital galega permanecerá durante todo o mes de decembro.

Son 12 as localizacións que percorrerá a mostra itinerante, que tivo como primeiro destino Ribeira no mes de maio; e, a continuación, Lalín, onde estivo en xuño; Vigo, en xullo; Tui, en agosto; Pontevedra, en setembro; Lugo, en outubro; Ourense, en novembro; e, por último, Santiago de Compostela. De cara ao 2022 especificaranse as datas nas que recalará nas súas seguintes paradas: as cidades da Coruña e Ferrol, Noia e Chantada.

Gala Final Xuventude Crea 2021

Este sábado celebrarase no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) a Gala final de Xuventude Crea 2021 na que participarán as mozas e mozos que resultaron gañadores nas 14 categorías desta edición. Esta iniciativa trata de fomentar a creatividade da xuventude galega, facilitando a promoción e a difusión da súa obra. Os participantes deben ser mozos e mozas non profesionais con idades comprendidas entre os 16 e os 30 anos.

As categorías premiadas nesta edición foron a creación de videoxogos, novela curta, cociña, teatro, artes plásticas, fotografía, música, poesía, videocreación, banda deseñada ata graffiti, deseño de xoias, moda e danza moderna. Cada unha destas especialidades conta con tres premios: o primeiro, de 3.000 euros; o segundo, de 1.500; e o terceiro, de 1.000 euros; así como mencións de honra sen dotación económica.