A conselleira de Política Social descubriu esta mañá unha placa na residencia de Redondela en recordo da propietaria que doou os terreos
Fabiola García salienta o carácter solidario dos galegos como unha filosofía de vida e un sinal de identidade
María Teresa Contreras cedeu a Cáritas a finca na que se construíron o centro residencial e o de día da parroquia de Cesantes
A conselleira de Política Social, Fabiola García, salientou hoxe en Redondela o carácter solidario dos galegos como “unha filosofía de vida e un sinal de identidade” que deixou a súa pegada por todo o mundo. A titular do departamento autonómico participou esta mañá nunha homenaxe á propietaria que doou os terreos que hoxe ocupan a residencia de maiores e o centro de día da parroquia de Cesantes.
Fabiola García foi a encargada de descubrir a placa que lembra que foi a xenerosidade de María Teresa Contreras a que fixo posible a construción tanto do centro residencial como do de atención diúrna para persoas maiores que hoxe integran a rede pública autonómica.
A conselleira de Política Social agradeceu o labor que cada día realizan entidades como Cáritas ou a asociación María Mediadora, ás que Xunta segue a apoiar cada ano con máis recursos. Neste sentido, sinalou que a Consellería de Política Social vai incrementar “o seu orzamento para 2022 un 14% ata superar os 924 millóns de euros”.