Política Social colabora con Unicef para estender o recoñecemento de cidades ‘Amigas da infancia’ entre os concellos de Galicia

O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, participou esta mañá nas xornadas de formación que a entidade ofrece ás Administracións locais que queren obter esta distinción

Santiago de Compostela, 14 de decembro de 2021

A Consellería de Política Social está a colaborar con UNICEF para potenciar a adhesión dos concellos galegos ao programa Cidades Amigas da Infancia, que busca o compromiso das Administracións locais co cumprimento dos dereitos das nenas, nenos e adolescentes dacordo á Convención sobre os Dereitos do Neno. O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, animou esta mañá a todos os municipios de Galicia a formar parte desta iniciativa durante a inauguración das xornadas informativas organizadas pola entidade.

O recoñecemento Cidade Amiga da Infancia é unha distinción que outorga UNICEF España, xunto co Ministerio de Derechos Sociales y Agenda 2030; a Federación Española de Municipios e Provincias, para poñer en valor o compromiso e o esforzo que realizan os concellos, mancomunidades e outras Administracións locais, xunto cos seus aliados, a fin de incorporar á infancia e adolescencia no centro da súa axenda política. Así, unha cidade ou comunidade recoñecida é aquela onde as voces, as necesidades, as prioridades e os dereitos dos nenos e nenas constitúen unha parte integral das políticas, os programas e as decisións públicas, segundo a entidade.

Dez municipios na Comunidade

Malia que aínda se trata dunha cifra con moita marxe de crecemento, cabe salientar que nos últimos anos o número de localidades galegas adheridas ao programa Cidades Amigas da Infancia pasou dunha, Castrelo de Miño, a dez coa incorporación dos concellos de Teo, Cabanas, Carnota, Moeche, Redondela, Tomiño, O Porriño e Ourense e a máis recente de Ponteareas.

Nas xornadas expuxéronse ferramentas e experiencias para a promoción da participación infantil e adolescente no ámbito municipal e autonómico a través de diferentes relatorios que correron tanto a cargo dalgunhas das Administracións locais adheridas ao programa como de tres nenos representantes dos consellos locais de participación.


Dar voz aos nenos e adolescentes galegos

“Para a Xunta de Galicia, os dereitos, inquedanzas e opinións das nenas, nenos e adolescentes é unha prioridade nas súas políticas sociais”, asegurou na súa intervención Jacobo Rey. Por iso, o Goberno galego está ultimando o decreto que regulará o Consello Galego de Participación infantil e Adolescente, que verá a luz nas vindeiras semanas e cuxo funcionamento foi consensuado coas principais entidades do sector.

A través deste órgano o Executivo autonómico busca conseguir máis cohesión e concienciación no conxunto da sociedade galega sobre a necesidade de protexer os dereitos da infancia e da adolescencia, para o que estará conformado polos participantes nas comisións locais que pertenzan ao programa Cidades Amigas da Infancia e buscará solucións para as diferentes dificultades ás que se enfronta a mocidade desde o consenso e a colaboración.