Galicia anima ao consumo de produtos do mar como unha opción saudable, sustentable e respectuosa co medio ambiente

A conselleira do Mar salienta os importantes valores nutricionais dos peixes e mariscos e que a súa pegada de carbono é das máis baixas entre os produtos dispoñibles nos mercados

O Executivo galego subliña que os produtos do mar poden ser un dos eixos centrais da estratexia de loita contra o cambio climático en Europa e defende a necesidade de intensificar o traballo neste eido

Rosa Quintana lembra que os alimentos de orixe mariña xeran beneficios probados, como unha maior lonxevidade, e son un importante motor da economía verde e azul de rexións como Galicia
 

Bruxelas, 13 de decembro de 2021

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, participou hoxe na inauguración da xornada telemática Alimento do mar: a estratexia saudable e sostible, onde animou á cidadanía a consumir produtos do mar con regularidade pois trátase dunha opción saudable, sustentable e respectuosa co medio ambiente. Neste sentido, lembrou que os peixes e mariscos son alimentos con importantes valores nutricionais e que a súa pegada de carbono é das máis baixas entre os produtos que hai dispoñibles no mercado.

A titular de Mar explicou durante a súa intervención neste evento -organizado conxuntamente pola Xunta e a Oficina Europea para a Conservación e o Desenvolvemento (EBCD) no marco do Intergrupo do Parlamento Europeo sobre Cambio Climático, Biodiversidade e Desenvolvemento Sustentable- que os produtos do mar poden ser un dos eixos centrais da estratexia de loita contra o cambio climático en Europa, polo que defendeu a necesidade de intensificar o traballo neste eido.

De feito, a representante do Executivo galego lembrou que o consumo de produtos do mar ten beneficios probados, como que as poboacións que levan unha dieta atlántica son máis lonxevas, e que, ao mesmo tempo, é un importante motor da economía verde e azul de Galicia. Neste sentido, subliñou o transcendental papel que desenvolveu o sector marítimo-pesqueiro durante a pandemia da covid-19 para subministrar alimentos de calidade á cidadanía, o que contribuíu a elevar o consumo de produtos do mar.

Rosa Quintana tamén incidiu na necesidade de avanzar no traballo de concienciación da sociedade sobre que o consumo de produtos do mar é beneficioso para a saúde e tamén para o medio ambiente. Neste sentido, lembrou que a Xunta leva máis dunha década desenvolvendo distintas campañas divulgativas entre os máis pequenos que se foron ampliando cara aos millennials e á poboación en xeral.

De feito, a titular de Mar puxo en valor a campaña actual do Executivo galego, GALICIA SABE AMAR, como unha mostra deste traballo de animar ao consumo de peixes e mariscos e ao mesmo tempo recoñecer aos profesionais do mar o importante labor que realizan no seu día a día para achegar a todos os fogares alimentos da máxima calidade.
Por iso, a representante do Executivo galego avogou por exercer unha pesca sustentable que permita ao sector seguir sendo un dos motores de desenvolvemento da economía de Galicia e apostar por unha alimentación baseada nos produtos do mar que contribúa ademais a loitar contra o cambio climático.

O evento

Nesta xornada, que coincide coa celebración do Consello de Ministros de Pesca da Unión Europea no que se fixan os totais admisibles de capturas (TAC) e cotas para 2022, exerceron de anfitrións os eurodeputados Gabriel Mato e Francisco Millán Mon e nel tamén participaron o director da División de Recursos e Políticas de Pesca e Acuicultura da Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura (FAO), Manuel Barange, o presidente do comité consultivo do Consello Internacional para a Exploración do Mar (ICES), Mark Dickey, e a representante da Unidade de Sectores de Economía Azul, Acuicultura e Ordenación do Espazo Marítimo da Dirección Xeral de Asuntos Marítimos e de Pesca (DG MARE), Lorella de la Cruz.

O evento tamén contou coa intervención do profesor de ciencias acuáticas e pesqueiras da Universidade de Washington, Ray Hillborn, da profesora xefe da Sección de Xestión Mariña por Ecosistémica do Instituto Nacional de Recursos Acuáticos de Dinamarca e do Fondo de Defensa do Medio Ambiente, Anna Rindorff, e do Vicerreitor de Planificación, Tecnoloxías e Sustentabilidade da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Gumersindo Feijóo. O encargado de expor as conclusións foi o membro do grupo de expertos en pesca da Unión Internacional para a Conservación da Natureza (IUCN), Ernesto Penas.

Nesta iniciativa abordáronse cuestións como o papel fundamental que poden desempeñar as proteínas animais baixas en carbono e as innovacións da xestión pesqueira enfocadas ao emprego sustentable dos recursos mariños. Ademais informouse sobre as novas direccións para unha pesca xestionada de xeito eficaz e respectuosa co medio ambiente.
Este evento súmase ás dúas xornadas anteriores organizadas polo Executivo galego e a EBCD, unha sobre a colaboración entre as ONG medioambientais, a industria pesqueira e a ciencia para impulsar a sustentabilidade, celebrada o pasado xuño, e outra sobre vías para unha produción de alimentos pesqueiros neutra en carbono, en novembro.
 

Imaxes relacionadas