A Xunta inicia as obras de mellora da seguridade viaria na estrada AC-190 ao seu paso polo núcleo dos Regos, no concello de Oleiros
A intervención, cun investimento de preto de 50.000 euros, céntrase na execución dunha cuneta de seguridade entre os puntos quilométricos 1+390 e 1+770
A Xunta continúa traballando na conservación da rede viaria autonómica co fin de proporcionarlles aos cidadáns unhas estradas cómodas e seguras
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade comezou hoxe as obras de mellora da seguridade viaria na estrada AC-190 ao seu paso polo lugar dos Regos, no concello de Oleiros.
A intervención, que conta cun investimento autonómico de preto de 50.000 euros, terá un prazo de execución estimado de 2 meses.
Os traballos céntranse na execución dunha cuneta de seguridade no treito da marxe dereita da vía autonómica comprendido entre os puntos quilométricos 1+390 e 1+770, e na marxe esquerda conectará coa cuneta existente no quilómetro 1+620.
A estrada AC-190 ao seu paso polo lugar dos Regos dispón de cunetas profundas en terra en ambas as marxes. Co fin de mellorar a seguridade viaria e evitar perdas de material nas cunetas polo discorrer da auga, proxéctase esta actuación neste treito da estrada no que o trazado é máis sinuoso.
As obras inclúen os traballos de escavación e recheo en cuneta mediante chan seleccionado e zahorra artificial, así como a execución de cuneta triangular en formigón de seguridade, remontable, de 1,5 e 2 metros de ancho, en función do punto. Tamén se realizarán tarefas de canalización de pluviais.
A Xunta continúa traballando na conservación e mantemento da rede viaria autonómica co fin de proporcionarlles aos cidadáns unhas estradas cómodas e seguras.