Galicia e distintos expertos europeos debaterán sobre a xestión ambiental da pesca e a posta en valor do peixe como un alimento con baixa pegada de carbono

A conselleira do Mar participará desde Bruxelas neste evento virtual que se celebrará o vindeiro luns 13 de decembro a partir das 15,00 horas e que coincidirá co Consello de Ministros de Pesca da UE, no que a Xunta seguirá as negociacións sobre as posibilidades de pesca para o 2022

A xornada, titulada Alimento del mar: a estratexia saudable e sostible, abordará cuestións como o papel fundamental que poden desempeñar as proteínas animais baixas en carbono e as innovacións da xestión pesqueira enfocadas ao emprego sustentable dos recursos mariños

Distintas análises, entre elas as realizadas pola Universidade de Santiago de Compostela, reflicten que o peixe é un dos alimentos con mellor relación entre a proteína que aporta e a súa pegada de carbono

Santiago de Compostela, 11 de decembro de 2021

A Xunta e a Oficina Europea para a Conservación e o Desenvolvemento (EBCD) reunirán o vindeiro luns 13 de decembro en formato virtual a diferentes expertos europeos para debater sobre a sustentabilidade da produción de alimentos do mar ante o cambio climático e a súa contribución ao coidado do medio ambiente. Nesta liña abordaranse diferentes aspectos de xestión da pesca e da dieta atlántica para seguir avanzando na redución da pegada de carbono na actividade marítimo-pesqueira, que xa é das máis baixas no ámbito da produción de alimentos.

Esta xornada coincidirá coa celebración do Consello de Ministros de Pesca da UE e contará coa participación da conselleira do Mar, Rosa Quintana, que intervirá desde Bruxelas, onde estará seguindo a carón do sector marítimo-pesqueiro as negociacións sobre as posibilidades de pesca para o 2022.

O anfitrión do evento será o eurodeputado Gabriel Mato, que intervirá ao inicio, e nel tamén participarán representantes da Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura (FAO), do Consello Internacional para a Exploración do Mar (ICES) e da Dirección Xeral de Asuntos Marítimos e de Pesca (DG MARE). Ademais contará coas intervencións de representantes das universidades de Washington e de Santiago de Compostela, do Instituto Nacional de Recursos Acuáticos de Dinamarca e do Fondo de Defensa do Medio Ambiente. O encargado de expor as conclusións será o membro do grupo de expertos en pesca da Unión Internacional para a Conservación da Natureza (IUCN), Ernesto Penas.

Nesta iniciativa, que se celebra baixo o título Alimento del mar: a estratexia saudable e sostible, abordaranse cuestións como o papel fundamental que poden desempeñar as proteínas animais baixas en carbono e as innovacións da xestión pesqueira enfocadas ao emprego sustentable dos recursos mariños. Ademais no evento informarase sobre as novas direccións para unha pesca xestionada de xeito eficaz e respectuosa co medio ambiente.

Este evento súmase ás dúas xornadas anteriores organizadas polo Executivo galego e a EBCD, unha sobre a colaboración entre as ONG medioambientais, a industria pesqueira e a ciencia para impulsar a sustentabilidade, celebrada o pasado xuño, e outra sobre vías para unha produción de alimentos pesqueiros neutra en carbono, que tivo lugar en novembro. As persoas interesadas en seguir a xornada deberán rexistrarse na web da EBCD, á que poden acceder a través deste enlace e na que tamén poden consultar a programación do evento.

Análise da USC

O representante da USC que participará nesta xornada é o Vicerreitor de Planificación, Tecnoloxías e Sustentabilidade, Gumersindo Feijóo, coordinador do grupo que realizou por encargo da Xunta unha análise sobre a pegada de carbono e a actividade pesqueira. Nela incídese na necesidade de comprender os impactos ambientais derivados de sistemas de produción pesqueiros e acuícolas para xestionalos mellor e promover un sector máis sostible.

Ademais recolle que o peixe ten a mellor relación entre a proteína que aporta en función da súa pegada de carbono e pon en valor o papel clave da dieta atlántica baseada en produtos do mar para contribuír a unha alimentación saudable das persoas ao tempo que favorece a conservación do medio ambiente.