A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, visitou hoxe Boimorto para coñecer o resultado de dúas actuacións subvencionadas neste municipio

A Xunta concede 135 axudas para rehabilitar viviendas e edificios na ARI dos Camiños de Santiago, a cifra máis alta desde a posta en marcha do programa

As subvencións outorgadas ao abeiro da convocatoria deste ano ascenden a 1,3 M€ e permitirán intervir e mellorar inmobles de carácter residencial en 55 concellos

Ángeles Vázquez subliña que esta foi a primeira Área de rehabilitación integral de carácter supramunicipal de Galicia e lembra que desde 2012, o IGVS xa investiu 4,8 M€ en 609 axudas para recuperar inmobles residenciais nas distintas rutas xacobeas

Boimorto (A Coruña), 11 de decembro de 2021

A Xunta de Galicia concedeu este ano un total de 135 axudas para financiar actuacións de mellora e rehabilitación en vivendas e edificios residenciais de uso colectivo en 55 concellos pertencentes á Área de rehabilitación integral (ARI) dos Camiños de Santiago.

Así o anunciou esta mañá en Boimorto a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, que visitou o municipio coruñés para coñecer os traballos de mellora realizados en dúas vivendas unifamiliares grazas ás subvencións concedidas polo seu departamento, a través do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS).

A ARI dos Camiños de Santiago foi declarada no ano 2010, converténdose así na primeira de carácter supramunicipal da Comunidade. Na actualidade existen outras dúas figuras deste tipo —a ARI das Illas Atlánticas e a ARI de Ribeira Sacra—, xestionadas directamente pola Xunta, en lugar de polos concellos.

Tal e como explicou a responsable autonómica, o IGVS leva xa oito convocatorias de axudas para o fomento e a rexeneración urbana de inmobles dentro da ARI dos Camiños de Santiago, un programa que ten como fin último a posta en valor do patrimonio construído nas 622 parroquias dos 126 municipios galegos que, actualmente, integran este ámbito, no que se inclúen nove rutas xacobeas.

No marco da última convocatoria deste programa, correspondente á anualidade 2021, un total de 135 familias galegas recibiron subvencións por un importe de 1,37 millóns de euros para levar a cabo actuacións de mellora en inmobles da súa propiedade.

Son datos sen precedentes, tal e como subliñou a conselleira, quen celebrou que coincidindo precisamente co Xacobeo 2021-2022 se acadara este ano a maior cifra de beneficiarios e o importe máis alto de subvencións desde a posta en marcha desta liña de axudas, concibida para poñer en valor o patrimonio construído e fixar poboación nos concellos polos que discorren as distintas rutas a Compostela.

Cómpre lembrar que as axudas de fomento e rexeneración urbana na ARI dos Camiños de Santiago permiten a propietarios, particulares e comunidades de veciños acceder a subvencións de ata 25.000 euros por vivenda co fin de financiar diferentes tipos de actuacións de rehabilitación, incluíndo obras de mellora da eficiencia enerxética ou para a eliminación de barreiras arquitectónicas, entre outras.

Desde a súa primeira convocatoria, no ano 2012, Ángeles Vázquez lembrou que a Xunta xa leva concedidas 609 subvencións por un importe global de 4,8 millóns de euros e anunciou que este esforzo se manterá tamén durante o vindeiro ano, cunha nova orde de axudas dotada de 1,3 millóns de euros.

En todo caso, a conselleira subliñou que para que este tipo de subvencións cheguen ao maior número posible de beneficiarios, resulta “imprescindible” a implicación dos concellos na súa difusión, para garantir que os requisitos, prazos e condicións de acceso sexan coñecidos polos seus veciños. Unha colaboración municipal que agradeceu especialmente á alcaldesa de Boimorto, María Jesús Novo, incidindo en que na última década 16 familias deste municipio pudieron rehabilitar inmobles con fins residenciais grazas ás axudas da ARI dos Camiños.

Imaxes relacionadas