O bono autónomo refórzase cun 45% máis de orzamento cara a 2022 para apoiar a consolidación dos negocios e mellorar a súa competitividade

Feijóo lembra que “no 2022 investiremos 34 M€ para apoiar o inicio da actividade por conta propia, 12 M€ para polos de emprendemento no rural e tamén sentaremos as bases para unha nova Estratexia do Emprego Autónomo”

Santiago de Compostela, 10 de decembro de 2021

O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe, na rolda de prensa do Consello, o reforzo do Bono Autónomo cun 45% máis de orzamento cara a 2022. O obxectivo é apoiar a consolidación dos negocios e mellorar a súa competitividade.

“Investiremos 8 millóns de euros, o que supón unha media de ata 3.000 euros por autónomo”, salientou Feijóo.

Esta iniciativa, segundo explicou o presidente da Xunta, incluirá dúas liñas de axudas. Unha liña dará apoio ao desenvolvemento de plans estratéxicos, de marketing, de comunicación do negocio, proxectos de eficiencia enerxética ou de transformación dixital, entre outros. E a outra liña ofrecerá financiamento para: compra de maquinaria ou ferramentas, reformas para mellorar a eficiencia enerxética ou o local, adquisición de material de oficina ou equipamento informático, deseño da páxina web, etc.

A convocatoria abrirase nas vindeiras semanas e o Bono Autónomo apoiará os gastos que se teñan realizado desde o día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia e ata o 31 de decembro de 2022 ou ata que se esgoten os 8 millóns de euros de orzamento.

Feijóo lembrou que “no 2022 investiremos 34 millóns de euros para apoiar o inicio da actividade por conta propia, 12 M€ para polos de emprendemento no rural e tamén sentaremos as bases para unha nova Estratexia do Emprego Autónomo”.

Para concluír, o presidente da Xunta incidiu no esforzo que fixo este ano o Goberno galego a través de plans de rescate e axudas para apoiar aos autónomos e pequenas empresas máis afectadas pola pandemia e que supuxo mobilizar 600 millóns de euros nun tempo récord para evitar peches a causa da crise.
 

Imaxes relacionadas

Departamento:
A Presidencia da Xunta