A Xunta avanza na tramitación dos procesos selectivos que permitirán ampliar o cadro de persoal do Sergas con 2.000 profesionais con praza fixa

Feijóo salienta que que a isto se suma unha nova convocatoria de concurso-oposición para a cobertura de 94 prazas de persoal funcionario sanitario na escala de saúde pública e administración sanitaria

Santiago de Compostela, 10 de decembro de 2021.- O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, informou hoxe de que a Xunta está a avanzar no desenvolvemento dos procesos selectivos que permitirán ampliar o cadro de persoal do Sergas con 2.000 profesionais con praza fixa.

Nese sentido, anunciou que o próximo luns se publicará a lista de admitidos no concurso oposición para o acceso a 24 categorías nas que se ofertan 680 prazas e cuxas probas se desenvolverán no 2º trimestre de 2022. A isto engadiu que tamén se publicarán as puntuacións provisionais dos procesos selectivos realizados en outubro, unhas probas, abundou, nas que se convocaron 1.311 prazas.

Ademais, Feijóo lembrou que a isto se suma unha nova convocatoria de concurso-oposición para a cobertura de 94 prazas de persoal funcionario sanitario na escala de saúde pública e administración sanitaria.

En concreto, sinalou, serán 19 prazas para licenciado en medicina, 19 para persoal inspector médico, 18 de persoal farmacéutico inspector de saúde pública, 11 de ATS, 6 para licenciados en farmacia, 6 de persoal subinspector sanitario, 5 de inspectores farmacéuticos, 5 para licenciados en químicas, 3 para graduados en bioloxía e 2 psicólogos.

“Mantense así o compromiso coa calidade asistencial e a ampliación dos cadros de persoal do sistema público galego”, concluíu.
 

Imaxes relacionadas