A conselleira do Mar respondeu no Parlamento a unha pregunta relacionada coa extracción de semente de mexillón

A Xunta volve tender a man ao sector para dialogar e avanzar nas propostas de explotación da mexilla e poder garantir o seu futuro

O Executivo galego convocou aos representantes das organizacións mexilloeiras a unha xuntanza o vindeiro mércores coa finalidade de avanzar no deseño responsable da fórmula máis axeitada para o desenvolvemento da actividade

A Consellería do Mar lembra que está en fase de exposición pública a orde que establece as delimitacións nas zonas de extracción da mexilla e anima ao sector a presentar alegacións co obxectivo de estudar posibles cambios nunha medida que afecta ao 17% do territorio con presenza de mexilla, deixando libre o 83% restante

Rosa Quintana subliña que a Administración galega goberna para todo o complexo marítimo-pesqueiro e que non vai facer política partidista coa pesca argumentando unha cousa e a contraria dependendo da zona
 

Santiago de Compostela, 10 de decembro de 2021

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, tendeu hoxe a man ao sector bateeiro e invitouno a sentarse a dialogar co obxectivo de avanzar no debate das propostas realizadas para garantir tanto a explotación sustentable da semente de mexillón -ou mexilla- como o futuro do sector. De feito, a titular de Mar indicou nunha resposta no Parlamento que os representantes das organizacións mexilloeiras xa foron convocados a unha xuntanza o próximo mércores coa finalidade de retomar ese diálogo e avanzar no deseño responsable da fórmula máis axeitada para o desenvolvemento da actividade.

Neste sentido, a representante do Executivo galego tamén recordou que está na fase de exposición pública a orde que establece delimitacións nas zonas de extracción da mexilla, polo que animou ao sector a presentar todas as alegacións que considere oportunas co obxectivo de poder avalialas e estudar posibles flexibilizacións nesas limitacións á recollida de semente de mexillón. Unhas restricións, aclarou, que afectan ao 17% do territorio no que hai presenza de mexilla mentres que no 83% restante o sector pode traballar con normalidade.

A titular de Mar incidiu en que o Executivo galego traballa en todo momento co obxectivo de garantir a explotación responsable, racional e sustentable de todos os recursos mariños, incluídos a mexilla e o percebe, e que aposta polo desenvolvemento da actividade de xeito sostible, tanto en termos biolóxicos como económicos e ambientais, na busca do maior beneficio para o conxunto do sector. “Non imos facer política coa pesca nin dicir unha cousa no Salnés, outra en Baiona e outra distinta na Costa da Morte. Queremos o mellor para todos os sectores do complexo marítimo-pesqueiro”, aseverou Rosa Quintana.

A conselleira do Mar lembrou que a extracción de semente de mexillón nesta campaña está regulada pola orde de outubro do 2000 así como polas resolucións publicadas ao abeiro dela co obxectivo de garantir a explotación sustentable da mexilla e do percebe. Nesta liña, insistiu en tender a man aos produtores de mexillón para que volvan sentarse e avanzar na regulación da extracción de mexilla.

Rosa Quintana tamén subliñou que o Executivo galego sempre defendeu os intereses da actividade mexilloeira como demostran a posta a cero dos contadores das concesións das bateas, a ampliación dos períodos concesionais a 50 anos ou o outorgamento aos bateeiros de máis do 75% da axudas convocadas nos últimos exercicios para o sector da acuicultura e dos cultivos mariños.

A representante da Xunta tamén puxo en valor o traballo responsable que realizan a maioría dos profesionais do sector mitilicultor e da extracción de recursos específicos e apelou á necesidade de seguir avanzando neste eido en beneficio do conxunto do sector marítimo-pesqueiro e de Galicia.
 

Imaxes relacionadas